O Vello Cárcere acolle a sinatura dun acordo histórico de colaboración entre o CD Lugo e os principais clubs da cidade

Lara Méndez, Miguel Fernández e Pablo Rivera presenciaron a sinatura, coa que o CD Lugo pretende seguir consolidando a súa aposta polo deporte base, unha premisa que comparte o Goberno de Lugo

Mércores, 20 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez, Miguel Fernández e Pablo Rivera presenciaron a sinatura, coa que o CD Lugo pretende seguir consolidando a súa aposta polo deporte base, unha premisa que comparte o Goberno de Lugo

O presidente do CD Lugo, Tino Saqués, e os presidentes dos principais clubs da cidade de Lugo, Residencia (e a súa filial Atlético Abuin), Milagrosa (e a súa filial Ferroviaria), Polvorín e Sagrado Corazón asinaron un acordo histórico de colaboración esta tarde. O evento, que contou coa presenza da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro do Deportes, Miguel Fernández e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, tivo lugar no patio central do Vello Cárcere.

Con este acordo, o CD Lugo pretende seguir consolidando a súa aposta polo deporte base, unha premisa que comparte o Goberno de Lugo, e facer partícipes a todos os clubs da cidade. O acordo impulsará os clubs lugueses de tres xeitos:

Económico

O CD Lugo acepta xogar un amistoso cada tempada durante o prazo do contrato,3 anos,cuxa recadación se destinará de forma íntegra aos clubs que asinaron o convenio.

No caso de que algún xogador dos clubs adheridos ao acordo, acabe recalando no primeiro equipo do CD Lugo, o club de procedencia terá dereito a indemnización.

Social

Todos os xogadores dos equipos beneficiarios deste acordo poderán acceder ás partes que o CD Lugo dispute no estadio Anxo Carro. Ademais, o CD Lugo colaborará activamente en todos os actos que poden organizar estes clubs.

Deportivo

Coa intención de sumar forza entre todos, o CD Lugo disporá de todos os xogadores dos equipos da cidade. Ademais, comprométese a realizar un seguimento detallado de cada un deles para a súa posible incorporación. O CD Lugo reduciu o número de xogadores e equipos na súa estrutura base. Unha medida que busca reducir as distancias cos clubs da cidade e que fomenta a distribución de talento, así como o crecemento mutuo.

Dende o CD Lugo buscan que todos os nenos da cidade sintan que forman parte do club, intentando converterse nun referente para todos eles. A visión do futuro da entidade busca a unión, que todos os clubs suman así, todos xuntos, para ser máis fortes.

Noticias relacionadas