Lara Méndez lanza unha iniciativa pioneira para potenciar o Camiño Primitivo e o turismo a través da fusión da arte sacra e contemporánea

O Concello de Lugo pón en marcha os I Premios Connexio para desenvolver intervencións artísticas en seis igrexas da ruta xacobea ao seu paso polo municipio
 
A alcaldesa presenta esta iniciativa, na que colabora o Obispado de Lugo, coa que “queremos darlle unha maior proxeción a Lugo cara a Europa aproveitando o Ano Santo”
 
César Carnero, delegado episcopal de Patrimonio Artístico, destaca “o enorme interés desta iniciativa, pouco común, pero que permite una difusión moi importante do Camiño”
 
Mauricio Repetto avanzou que para que os proxectos perduren no tempo vanse a documentar e publicar imaxes e vídeos sobre as intervencións durante a súa realización”
 
Os artistas poderán presentar a súa prescripción do 1 ao 12 de xullo

Venres, 26 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez lanza unha iniciativa pioneira para potenciar o Camiño Primitivo e o turismo a través da fusión da arte sacra e contemporánea

O Goberno de Lara Méndez quere incorporar con vistas ao vindeiro Ano Santo a valorización do Camiño Primitivo ao seu paso polo municipio como elemento dinamizador das artes e do talento, do patrimonio cultural, histórico e arquitectónico, do rural e dun turismo que busca experiencias diferentes.

Con este fin, lanza os I Premios Connexio, espazos para a reflexión, cos que o Concello premiará seis proxectos de intervencións artísticas en seis igrexas situadas ao pé do itinerario xacobeo, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. “Abriremos o vindeiro luns, día 1 de xullo, a convocatoria pública para a creación de proxectos que se exporán nestes templos, tanto no seu interior como no exterior, co obxectivo de incitar á reflexionar sobre o que representa a peregrinación, o contacto co Camiño, así como a investigación e a exploración dos vínculos entre a arquitectura litúrxica e a arte contemporánea”, comentou a rexedora, que estivo acompañada na presentación desta iniciativa do edil Mauricio Repetto e de César Carnero, delegado episcopal de Patrimonio Histórico Artístico.

“En Lugo temos todo o potencial para crecer en número de visitantes, pero queremos que o faga mantendo a esencia do modelo turístico sostible que perseguimos, aproveitando os nosos extraordinarios recursos naturais e de patrimonio histórico e cultural”, sostivo Lara Méndez.

“Buscamos darlle a Lugo unha maior dimensión e proxección cara a Europa, aproveitando que o 2021 é Ano Xacobeo e o transcurso do Camiño Primitivo polo municipio”, comentou a alcaldesa, lembrando que por esta Ruta, de enorme beleza natural, pasaron máis de 16.000 persoas de todos os puntos do continente”, comentou.

O Concello tamén convoca estes premios co obxectivo de dinamizar, asemade, o tecido artístico e empresarial lucense establecendo conexións entre os axentes culturais (empresas, creadores, artesáns, etc.) a comunidade veciñal e os peregrinos, facéndoos partícipes do proxecto.

As intervencións artísticas desenvolveranse en seis igrexas situadas no Camiño Primitivo, ao seu paso por distintas parroquias de Lugo: Santa María en Gondar; Capela do Carme; San Xóan Alto; San Vicente en Burgo; San Miguel en Bacurín; e San Pedro de Abaixo en Mera. As mesmas foron elexidas por ser as que teñen máis valor histórico e patrimonial.

César Carnero destacou o enorme interese deste proxecto, “pouco común e que compaxina a fusión da arte sacra e contemporánea no marco do Camiño Primitivo. A igrexa sempre tivo un importante papel no fomento da cultura e das artes, e iste proxecto enmárcase nesta idea”.

Mauricio Repetto avanzou que outorgarase un premio de 3.000 euros por cada unha das propostas de intervención artística, dotación que será abonada en dous prazos e irá destinada a cubrir os gastos de desenvolvemento, produción e execución (montaxe) da obra resultante da proposta premiada. Os artistas realizarán as súas intervencións dos espazos, que serán documentados tanto fotograficamente como en vídeo, durante o mes de setembro.

Así mesmo, apuntou que “queremos que os proxectos perduren no tempo e poidan supoñer un incentivo visitar estes templos, que forman parte da gran riqueza patrimonial coa que contamos, espertando o interese de veciños e visitantes. Neste senso, vanse a documentar e publicar imaxes e vídeos con información das intervencións durante a realización das mesmas, pero tamén se contará coa tecnoloxía QR. Así, na entrada de cada templo haberá un código a través do que se poderá acceder a unha visita guiada, da man dun guía experto en arte sacra, abrindo así as portas a peregrinos, veciños e interesados”.

Cómpre sinalar que tamén se van a utilizar os códigos QR para mostrar as seis intervencións artísticas unha vez finalizadas, da voz dos propios creadores,  dando así a posibilidade de ver o traballo realizado desde calquera dispositivo móbil.

O Concello e o Obispado esperan que se aninem moitos artistas a participar, “tendo en conta que para eles poder ser tamén unha forma de proxectarse a nivel internacional”,  incidiu a alcaldesa.

A presentación dos candidatos e propostas realizarase telematicamente a través da web www.connexio.gal, onde se poderá atopar toda a información, os prazos e documentos necesarios para participar nesta primeira edición dos premios. A preinscrición dos candidatos permanecerá aberta dende o día 1 ata o 12 de xullo.

A valoración das solicitudes e a proposta de concesión efectuarase por un comité de expertos composto por comisarios, xestores culturais, persoal da Diocese de Lugo e como secretario do xurado, con voz pero sen voto, un técnico do Concello de Lugo. A concesión destes premios efectuarase fomentando a concorrencia competitiva, de acordo cos principios de obxectividade, transparencia e igualdade. Todas as propostas deberán ser especialmente respectuosas co patrimonio arquitectónico, a contorna e o medio ambiente.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación dos "Premios Connexio" | Descargar mp3
  • O concelleiro de Desenvolvemento local e Emprego, Mauricio Repetto, sobre a presentación dos "Premios Connexio" | Descargar mp3
  • O delegado episcopal, César Carnero, sobre a presentación dos "Premios Connexio" | Descargar mp3

Noticias relacionadas