Lara Méndez interésase in situ polo avance que segue a urbanización da ampliación do Parque Industrial das Gándaras

A Xunta de Goberno Local autorizou en xullo a segregación dos terreos incluídos na Fase II do Polígono que se prevé entregar a finais deste mes.

A superficie resultante, de 97.654 m², fragmentarase en varios predios e suporá tamén a creación de diferentes zonas verdes, prazas e viarios.

A rexedora lucense empraza á Xunta a acelerar a adxudicación da III Fase, enmarcada no primeiro trimestre de 2022, para favorecer a implantación de negocios e xerar novos postos de traballo.

Martes, 16 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez interésase in situ polo avance que segue a urbanización da ampliación do Parque Industrial das Gándaras

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acudiu esta mañá ao Parque Industrial das Gándaras para coñecer in situ o avance dos traballos de urbanización que se están desenvolvendo na Fase II deste Polígono e que, se prevé, sexa entregada a finais deste mesmo mes, tal e como lle trasladaron os responsables de Xestur, cos que abordou os termos da tramitación.

A rexedora visitou os terreos, propiedade da empresa pública galega, á que no pasado mes de xullo a Xunta de Goberno autorizou a proceder ao seu parcelamento.

A actuación implicou a segregación en dous predios, da denominada Unidade Funcional S - situada na rúa Juan Jacobo Durán Loriga (vial D) e Rafael Cadórniga Carro (Vial C) - cunha superficie total de 1.259.862 m², que dará como resultado unha parcela matriz de 1.162.208 m² e outra denominada Unidade Funcional S, de 97.654 m². Esta última dividirase, á súa vez, noutras parcelas de diferentes tamaños, e tamén en espazo dedicado a zonas verdes, prazas e viarios.

Lara Méndez lembrou que a solicitude para permitir o desenvolvemento desta parte do Polígono foi presentada polo Executivo autonómico o 14 de maio e resolta pola Administración en tan só 2 meses “co fin de posibilitar a execución inmediata da Fase II deste parque empresarial”.

“Unha dilixencia que o Concello de Lugo demostra constante e dende o inicio do mandato – sinalou Méndez – para aqueles proxectos de interese xeral que calquera administración ou entidade pretende desenvolver na cidade e que ten algúns exemplos no mes e medio no que resolvemos as 8 licenzas presentadas polo IGVS, en agosto de 2019, para actuacións de mellora en inmobles da Tinería, ou nos 4 días que tardamos en autorizar a creación do centro de maiores que a Fundación Amancio Ortega construirá no barrio da Residencia”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, emprazou, nunha nova ocasión, á Xunta de Galicia a acelerar todo o posible a adxudicación da III Fase deste Polígono, enmarcada no primeiro trimestre de 2022, para favorecer a implantación de negocios.

“Trátase de que Lugo non perda oportunidades económicas nun momento, ademais, no que desde o Concello estamos a impulsar a captación de investimentos co fin de que se asenten negocios na cidade e se poida crear emprego”, afirmou a rexedora.

Méndez lembrou que para acadar ese obxectivo o Goberno local traballa en diferentes ámbitos, tanto a través da Estratexia Lugo Transforma, que mobiliza 12 millóns de euros na constitución dun fondo público emprendedor para atraer empresas que xeren un alto impacto social e medioambiental, como mediante outras iniciativas, da man do tecido económico e produtivo da cidade, “polo que esa prontitude resulta tan necesaria como o mantemento dunha comunicación continúa e constante entrámbalas dúas administración que reverta nun incremento da nosa capacidade conxunta para abordar os retos desta etapa post-covid e que pasan pola recuperación e dinamización económica do municipio e o fortalecemento da sociedade a través da xeración de postos de traballo”, concluíu Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a urbanización en Fase II das Gándaras | Descargar mp3

Noticias relacionadas