Lara Méndez impulsa Xuventude Activa cunha programación de ocio deportivo no verán para a mocidade de 12 a 30 anos

O edil Mauricio Repetto anunciou hoxe que a rapazada poderá desfrutar en agosto de clases de hip hop, calistenia, iniciación ao skate e mesmo Paddle Surf ou un barco dragón.

A inscrición nas actividades pode facerse a través da páxina www.xuventudelugo.gal ou chamando á Casa da Xuventude.

Todas as accións son gratuítas para favorecer a participación.

Venres, 30 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez impulsa Xuventude Activa cunha programación de ocio deportivo no verán para a mocidade de 12 a 30 anos

Baile moderno e reggaeton, hip hop, introdución á calistenia e tamén ao skate. Son algunhas das propostas coas que área de Xuventude pretende activar á mocidade lucense no que resta de verán.

Durante todo o mes de agosto a rapazada de entre 12 e 30 anos poderá desfrutar de estas modalidades deportivas así como de moitas outras accións novidosas organizadas polo Goberno de Lara Méndez para dinamizar o seu ocio dunha forma divertida pero tamén saudable.

O edil Mauricio Repetto daba a coñecer hoxe a programación estival.

“Queremos que a xuventude lucense se divirta, que aproveite as vacacións, que viva experiencias novas e que converta o seu tempo de lecer nun pasatempo emocionante. ¿E como? Pois movéndose, practicando deporte, activando corpo e mente. ¿Onde? Na súa cidade. Nas prazas, nas novas instalacións municipais e tamén no elemento vertebrador que ten Lugo: o río”, avanzou o concelleiro.

O responsable de Xuventude e Deportes explicou que no deseño das accións primou a transversalidade dámbalas dúas áreas e tamén a posta en valor dos espazos públicos como lugares de socialización. “Nos que o seu aproveitamento dará pé, tamén, ao seu coidado, fomentando un sentimento de pertenza que propiciará o respecto pola súa conservación”.

Mauricio Repetto apuntou tamén outros dous termos: seguridade e inclusión.

“Seguridade porque, ante o contexto sanitario que estamos a vivir, optamos por clases e actividades que se puideran desenvolver ao aire libre, nas Prazas de Augas Férreas e a Milagrosa, no Parque de calistenia nas Costas do Rosalía, no Skate Park ou na contorna fluvial, agás a escalada – sinalou – que se levará a cabo no rocódromo. As sesións serán en grupos pequenos matendo a distancia social e sempre esixindo o uso de máscara”.

“E falamos tamén de inclusión porque queremos promover a integración de todas e todos, independentemente do coñecemento que poidan ter sobre as modalidades deportivas que se ofertan”.

Así, o concelleiro deu conta, por exemplo, de que no baile os monitores realizarán coreografías exclusivas para cada actividade. No street workout ou calistenia as sesións dividiranse en parte física, acondicionamento muscular e parte técnica en barra e, para o Skate, escolleuse un nivel adaptado a todas as persoas usuarias que comprende unha parte inicial técnica, con movementos no chan e no foso, que terá en conta a adaptación ao medio e o emprego do espazo dispoñible e, logo, outra segunda dedicada a correcións e axudas.

O edil destacou, alén, que este ano, como principal novidade Xuventude e Deportes ofrecerá actividades na auga.

“A mocidade lucense terá oportunidade este vindeiro mes de practicar Paddle Sur no río, de subirse a un barco Dragón, ou de facer sendeirismo pola Pontenova e San Tirso de Abres, rematando o roteiro cun descenso en kayak. Se o prefiren, poden escoller tamén o rafting polo Miño, neste caso, na súa localización en Cequeliños, Barcela”, detallou Repetto Morban.

O edil convidou a todas as familias a consultar a programación ao completo na páxina www.xuventudelugo.gal e tamén a apuntarse na mesma enviando un email á dirección formulario.xuventudelugo.gal ou poñéndose en contaco coa Casa da Xuventude.

“Todas as actividades son gratuítas, nunha aposta decidida do Executivo de Lara Méndez por facelas asequibles e accesibles a toda a sociedade, pensadas para as e os máis novos, para posibilitar a conciliación e co fin, asemade, de impulsar a súa participación dunha forma sa e produtiva”, concluiu Mauricio Reppeto.

Máis info

Noticias relacionadas