Lara Méndez impulsa a seguridade dos menores en San Froilán co uso de pulseiras identificativas no caso de extravío

Protección Civil repartirá dende hoxe pulseiras no recinto feiral para os nenos e nenas onde se recollerá o contacto dos proxenitores ou titores para a súa rápida localización.

Martes, 04 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez impulsa a seguridade dos menores en San Froilán co uso de pulseiras identificativas no caso de extravío

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo un encontro co responsable de Protección Civil, Óscar Freire, para ultimar os detalles dunha iniciativa enfocada a incrementar a seguridade dos menores durante o San Froilán en caso de que se perdan debido a masiva afluencia de xente que se dará cita durante estas festas.

Deste xeito, a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Lugo repartirá polo feiral dende hoxe e ata o 12 de outubro, pulseiras que incorporarán un espazo en branco para que “os pais, nais ou titores inclúan os datos de contacto onde se lles poderá chamar en caso de que o menor se extravíe, de xeito que axilicemos así a procura do neno e reducir os tempos de incerteza”, segundo explicou a rexedora.

“Deste xeito, as pulseiras contribuirán a localizar aos pequenos en casos de extravío, unha medida de moita utilidade para garantir a súa seguridade nas aglomeracións”, apuntou a Alcaldesa ao tempo que puxo en valor e agradeceu “o labor altruísta desta agrupación de voluntarios que, nesta ocasión, tamén velarán pola seguridade dos cidadáns máis cativos e a tranquilidade dos seus proxenitores”.

Noticias relacionadas