Lara Méndez enxalza a capacidade de esforzo e superación dos novos talentos deportivos lucenses

A alcaldesa recoñecerá mañá, nunha gala, a valía de 44 deportistas de 14 a 19 anos de Lugo, que foron beneficiarios das bolsas económicas municipais en 2021.

As e os galardoados recibirán os diplomas, nesta segunda edición do evento, da man de deportistas de recoñecido prestixio.

As achegas Deportistas con Talento naceron en 2008 e, desde entón, a recibiron ao redor de 700 mozos e mozas como apoio para a súa promoción, práctica e mellora do seu rendemento.

Xoves, 22 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
[Lara Méndez enxalza a capacidade de esforzo e superación dos novos talentos deportivos lucenses

O Concello de Lugo recoñecerá, mañá xoves, na “II Gala Municipal Novos Talentos Deportivos” o esforzo realizado polos 44 mozos e mozas que recibiron as becas municipais Deportistas con Talento durante o pasado exercicio. Un acto que estará presidido pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o concelleiro de Deportes e Xuventude, Mauricio Repetto.

A rexedora enxalzou a valía e a capacidade de superación de todos estes rapaces e rapazas “que non só compaxinan a súa educación coas esixencias dos adestramentos e as competicións, senón que obteñen excelentes resultados námbalas dúas facetas, transmitindo unha mensaxe de tenacidade e esforzo que é exemplo para toda a sociedade e, especialmente, para as próximas xeracións”, afirmou.

Méndez sinalou que a vontade do Goberno local é “que esta homenaxe pública sexa unha motivación para que continuedes estudando e adestrando coa mesma ilusión e enerxía que ata o de agora, sendo parte do motor que está a transformar Lugo e que contribúe a proxectar a súa imaxe  e ser referente en todos os eidos”.

A ‘II Gala Novos Talentos Deportivos’,- que se celebrará este xoves, 22 de decembro, a partir das 17:00 horas na pista cuberta de tenis de Frigsa - reunirá a 44 mozos e mozas, de 14 a 19 anos de idade, que en 2021 acadaron as becas para deportistas de disciplinas individuais con talento. Bolsas que o Concello entrega desde o 2008 a aqueles que participaron en eventos deportivos con resultados relevantes, a nivel autonómico ou nacional, co fin de apoiar a promoción, práctica e mellora do seu rendemento, e que valoran tamén o seu esforzo académico. Desde a súa creación, foron receptores das mesmas preto de 700 deportistas.

Durante este acto, guiado, de novo, como na anterior edición por Jacobo Gómez, os e as galardoadas recibirán un diploma honorífico de mans doutros compañeiros e compañeiras de recoñecido prestixio.

As e os beneficiarios deste ano practican nove disciplinas deportivas individuais: atletismo (21), natación (9), tiro (2), pistola (2), orientación (2), péntatlon (4), karate (1), piragüismo (1) e squash (2).

O evento, ao que se prevé que acudan máis dun cento de persoas, estará amenizado con actuacións da Escola de Baile Ritmo Lugo e incluirá un ágape para deportistas e acompañantes.

Multimedia

  • [Lara Méndez enxalza a capacidade de esforzo e superación dos novos talentos deportivos lucenses
  • [Lara Méndez enxalza a capacidade de esforzo e superación dos novos talentos deportivos lucenses
  • [Lara Méndez enxalza a capacidade de esforzo e superación dos novos talentos deportivos lucenses
  • [Lara Méndez enxalza a capacidade de esforzo e superación dos novos talentos deportivos lucenses
  • [Lara Méndez enxalza a capacidade de esforzo e superación dos novos talentos deportivos lucenses

Noticias relacionadas