Lara Méndez e Rosana Rielo entregaron os premios do V Concurso de Fotografía Estampas de paz e acougo

Este acto, que tivo lugar durante o transcurso do VI Concerto da Lembranza, celebrouse na Capela do cemiterio municipal de San Froilán e enmárcase nas actividades do día de Defuntos

Mércores, 08 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Rosana Rielo entregaron os premios do V Concurso de Fotografía Estampas de paz e acougo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, fixeron entrega este mércores dos premios aos gañadores do V Concurso de Fotografía Estampas de paz e acougo, enmarcado dentro das actividades do día de Defuntos organizadas pola entidade local. Este acto tivo lugar durante o transcurso do VI Concerto da Lembranza que se celebrou na Capela do cemiterio municipal de San Froilán.

O primeiro premio, dotado con 500 euros, foi para a fotografía Paz, Anxo da Garda na noite máis escura de todos os tempos, obra de José Marcos López Álvarez; o segundo, dotado con 200 euros recaeu no traballo de Iván Mouronte Barreiro titulado Bágoas; o terceiro de 100 euros foi para Tania Penoucos Blanco coa fotografía O Gardián do cemiterio.

O xurado, que estivo formado polo fotógrafo Eduardo Ochoa, polo encargado do cemiterio municipal Serafín Saavedra e pola técnica do Servizo de Cultura Patricia López, tentou de conseguir a captación da sensación de paz e harmonía transmitida neste tipo de recintos, considerando estes traballos como os que mellor amosaban este sentimento. Todas as fotografías presentadas estarán exportas ao público durante un mes na Capela do cemiterio.

Para finalizar co programa de actividades polo Día de Defuntos, maña, día 9 de novembro, ás 19:00 horas, está previsto un roteiro nocturno, con número limitado de 30 prazas. As inscricións tamén deben facerse no 010 e no Negociado de Cemiterio.

Noticias relacionadas