A rexedora acompañou ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, durante unha visita ás novas instalacións que o Instituto Nacional de Estatística ocupa no antigo Sanatorio Portela.
A alcaldesa enxalzou a decisión do Executivo local de conservar este edificio, que “enriquece o patrimonio da nosa cidade dende o punto de vista histórico e tamén arquitectónico”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañou esta mañá ao Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, durante a visita que ámbolos dous dirixentes realizaron ás novas instalacións do Instituto Nacional de Estatística en Lugo, con sede no coñecido como antigo Sanatorio García Portela.
A rexedora puxo en valor o edificio, “a nivel construtivo, por ser unha das poucas mostras do racionalismo que seguen en pé en Lugo”, e destacou tamén a acertada decisión adoptada no seu día polo Concello “cando escolleu a opción de mantelo e conservalo, enriquecendo o patrimonio da cidade dende o punto de vista histórico e tamén arquitectónico”.
Lara Méndez incidiu, alén, en que o inmoble ten hoxe un gran uso ao albergar as dependencias do INE, en tanto “este organismo cumpre unha misión fundamental: trasladarnos todos aqueles datos de interese e que revelan as tendencias sociais para que as administracións públicas, coas políticas que poñemos en marcha e a xestión que facemos, poidamos mellorar a vida da cidadanía”.
A alcaldesa subliñou igualmente o incremento da confortabilidade que supuxo para o cadro de persoal o traslado a este edificio “e que estamos seguros redundará na calidade do servizo que prestan”, e agradeceu o papel desempeñado até o momento por, José Miñones así como “a implicación do Goberno Central, nun contexto tan complexo como o que nos toca vivir e que debemos aproveitar como un momento de oportunidades para pular pola recuperación do territorio a través dos Concellos”, concluíu Lara Méndez.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a visita ó INE | Descargar mp3