Lara Méndez defende incluír xa no 2023 a liña ferroviaria A Coruña-Lugo no Corredor Atlántico

A alcaldesa lucense e vicepresidenta do Eixo Atlántico agradeceu o apoio da patronal e dos sindicatos a ter unha voz única galega na defensa do mapa ferroviario de Galicia.

A rexedora urxe a mellora das infraestruturas de Lugo “para a acompañar o investimento  municipal histórico que estamos a realizar desde o Concello, 12 millóns de euros, co fin de captar empresas e crear emprego”.

Martes, 06 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez defende incluír xa no 2023 a liña ferroviaria A Coruña-Lugo no Corredor Atlántico

Lara Méndez, a alcaldesa lucense e vicepresidenta do Eixo Atlántico, participou hoxe na presentación do mapa ferroviario de Galicia elaborado polo organismo transfronterizo ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, e aos representantes dos sindicatos, UGT, CCOO e CIG, na que tamén estiveron o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, o alcalde de Santiago, Xosé Bugallo, e o presidente do CES de Galicia, Agustín Hernández.

Este mapa de propostas do noroeste peninsular para a modernización da rede ferroviaria conlevaría un investimento de 3.000 millóns de euros, dos cales o 50% encaixaría nos parámetros do cofinanciamento europeo, e desenvolveríanse nun prazo de 10 anos, “o que suporía un investimento de 150 millóns anuais, o que en termos do orzamento do estado é unha cantidade perfectamente asumible”, sostivo a rexedora.

A proposta do Eixo inclúe actuacións na liña Ferrol-Coruña, na saída sur de Vigo, no tramo Coruña-Santiago do Corredor Atlántico, no acceso de Punta Langosteira e o tramo Santiago-Redondela,  o tramo Vigo-Guixar-Redondela-Guillarei, Guillarei-Ourense, Ourense-Monforte e Monforte-Covas.

Esta mapa tamén incluiría as melloras das liñas A Coruña-Lugo e Lugo-Ourense, “esta última na que o Goberno central está xa inxectando recursos por valor de máis de 500 millóns, aínda que se necesita un maior impulso aproveitando os fondos europeos”. “Na crise anterior abordouse desde a austeridade, pero a actual se afronta desde os investimentos de recuperación, é dicir, todo o contrario, polo que se nos presenta unha ocasión única que non debemos deixar pasar para conseguir que Galicia sexa por fin competitiva. Debemos ser ambiciosos e esta é unha ocasión magnífica que temos afrontar desde a unidade de todos os axentes políticos, sociais, económicos e sindicais galegos para que Galicia teña unha voz única e, polo tanto, máis forza”, incidiu.

Respecto a Lugo, Lara Méndez tamén defendeu a inclusión no ano 2023 da liña ferroviaria de mercancías A Coruña-Lugo no Corredor Atlántico, aproveitando que é a data na que se abrirá o período de modificación e ampliación dos corredores ferroviarios europeos.

“Para Lugo, onde estamos a realizar o maior investimento municipal da historia para a captación de empresas de alto impacto social e ambiental co fin de crear emprego sostible a través da Estratexia Lugo Transforma, que conta cun fondo inversor de 12 millóns de euros, é fundamental  e urxente dispor das infraestruturas adecuadas que nos permitan acompañar este crecemento”, sostivo.

A rexedora lucense e vicepresidenta do Eixo Atlántico agradeceu a boa receptividade por parte do presidente da patronal e dos representantes sindicais a fixar una folla de ruta común co mapa ferroviario para poder avanzar “cunha única voz por unha Galicia competitiva”.

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o  Eixo Atlántico | Descargar mp3

Noticias relacionadas