
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a subdelegada do Goberno nesta provincia, Isabel Rodríguez, copresidiron esta mañá, no Concello, unha nova Xunta Local de Seguridade, neste caso para abordar o dispositivo que se porá en marcha con motivo da celebración dunha proba do Campionato de España de Motocross, os días 25 e 26 de febreiro, no circuíto municipal Jorge Prado.
Ao encontro, que tivo lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial, asistiron, alén da rexedora e a subdelegada, o concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, mandos da Garda Civil, Policía Nacional, Xunta de Galicia, Policía Local, Servizo de Bombeiros e Protección Civil, así como representantes da empresa que xestiona o evento e o secretario da Asociación Motopark Lugo.
Méndez destacou a necesaria colaboración entre os distintos Corpos e organizacións implicadas na realización da proba, “na procura de desenvolver un operativo coordinado e eficaz que permita realizar un control efectivo sobre a mesma, garantindo o benestar de todas as persoas asistentes e participantes”.
A alcaldesa referiu que se reforzarán os efectivos para vixiar o transcurso da competición pero tamén o acceso ao recinto co obxectivo de evitar que se poidan producir aglomeracións ou incidencias debido á elevada afluencia de público que se espera durante toda a fin de semana, tanto nas propias instalacións como na súa contorna “sendo a prioridade, en todo momento, a protección da cidadanía, espectadores, pilotos e tamén dos seus equipos”. E aproveitou, ademais, para convidar á poboación a gozar do evento e coñecer a nova dotación deportiva lucense que “sendo escenario deste campionato se estrea por todo o alto, proxectando a imaxe de Lugo como un excelente destino, a nivel nacional, para a práctica desta disciplina, actualmente en auxe”.
Lara Méndez, que permaneceu atenta ás tarefas que durante estas semanas se levaron a cabo para acondicionar o circuíto, ofreceu unha vez máis a máxima cooperación da Administración local na organización do evento e na achega dos equipamentos precisos. Unha axuda que se complementou coa colaboración económica municipal de 70.000€.