Lara Méndez asina co Ministerio de Transportes e Xunta a posta a disposición de medio millón de euros para axudas á rehabilitación de vivendas no Casco Histórico

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a memoria -  programa da Fase XVI do Arru co compromiso de publicar a súa convocatoria no prazo de 4 meses.

O procedemento, que nesta edición duplicou o seu orzamento, permitirá subvencionar até unha trintena de actuacións.

A Administración local achegará 44.000 € para sufragar parte dos labores de reurbanización e os custos do equipo técnico de xestión.

O Concello eximirá, alén, aos promotores do pago da taxa de servizos urbanísticos e habilitará unha bonificación de até o 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras.

Mércores, 01 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez asina co Ministerio de Transportes e Xunta a posta a disposición de medio millón de euros para axudas á rehabilitación de vivendas no Casco Histórico

A alcaldesa, Lara Méndez, asinou hoxe a adhesión do Concello de Lugo ao programa de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico, ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2018 – 2021 para a anualidade do exercicio en curso.

Un programa que, nesta convocatoria, disporá de máis do dobre do orzamento con relación á edición anterior e que suporá que se habiliten, en total, 530.061 euros en achegas á rehabilitación no ámbito delimitado polo Pepri.

Así, a rexedora, rubricou esta tarde en Santiago o Acordo da Comisión Bilateral entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para dar cobertura á Fase XVI destas axudas.

En total, o MITMA destinará 386.253 €, a Consellería de Medio Ambiente 99.808 € e a Administración local 44.000 euros.

O investimento municipal, segundo explicou Méndez,  irá dirixido a sufragar xunto ao Goberno Central, parte dos labores de reurbanización que resulte necesario executar de xeito complementario ou para a renovación de servizos - como pode ser o alumeado das rúas, etc  - así como tamén para abordar, en colaboración co executivo autonómico, os custos do equipo técnico de xestión.

“O procedemento, xestionado dende Evislusa, nos permitirá subvencionar ao redor dunha trintena de intervencións relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles, a adopción de sistemas de aforro e eficiencia enerxética ou a mellora da súa accesibilidade. De maneira que se agarda chegar a promover, entre financiamento público e privado, un volume de negocio que superará os 1’3 millóns de euros (1.357.142 €)”, sinalou a alcaldesa de Lugo.

O Concello eximirá, alén, aos promotores destas actuacións do pago da taxa de servizos urbanísticos e habilitará unha bonificación de até o 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras para incentivalas.

Lara Méndez adiantou tamén que trala aprobación esta mañá, en Xunta de Goberno, da  memoria do programa así como do texto que rexerá o acordo interadministrativo,  o Concello de Lugo quedou comprometido a publicar, no prazo de 4 meses, a convocatoria das axudas para a Fase XVI do Arru no Casco Histórico.

“A nosa intención é ser o máis dilixentes posible e habilitar canto antes o procedemento  para que as persoas interesadas poidan acollerse a estas achegas que alcanzan unha tripla vertente.  Por unha banda, a mobilización de capital que promove contribuirá á dinamización económica do sector da construción e afins, e, por outra, suporá un incremento da habitabilidade dos edificios,  favorecendo a mellora do parque inmobiliario da cidade en termos de sostibilidade e calidade e confort, e porque non, tamén de estética o que reverterá igualmente na imaxe que ofrece o recinto amurallado e a capital, no seu conxunto”, sinalou a rexedora que, unha vez máis, quixo destar “a transcendencia que ten para o interese xeral o entendemento e a colaboración institucional”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a sinatura da Fase XVI Arru no casco histórico | Descargar mp3

Noticias relacionadas