Lara Méndez anuncia que o Arde Lucus xa é Festa de Interese Turístico Internacional

A rexedora deu conta esta tarde do recoñecemento “o que avala á celebración lucense como unha cita única en España polo seu compoñente histórico, cultural, lúdico e dinamizador”.

A alcaldesa agradeceu a implicación do tecido asociativo a cuxo esforzo e dedicación atribuíu, en primeira instancia, a obtención da declaración.

Méndez recordou, así mesmo, o gran traballo de difusión realizado para chegar a millóns de persoas de decenas de países de todos os continentes, acadado a través das redes sociais.

Martes, 14 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia que o Arde Lucus xa é Festa de Interese Turístico Internacional

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou esta tarde que o Arde Lucus vén de obter a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, logo de que a finais do ano pasado o Concello iniciara a tramitación para acadar este distintivo.

A rexedora, acompañada polo concelleiro Mauricio Repetto, e por integrantes dos colectivos de recreación histórica da cidade - tanto castrexos como romanos – compareceu para dar conta do recoñecemento que, en primeira instancia, atribuíu “ao labor e implicación do tecido asociativo que converteu esta celebración local nunha cita única en España”.

“É aos e ás lucenses que cada edición e durante todo o ano traballan de forma infatigable para recrear con fidelidade as nosas orixes, aos que compre atribuír a obtención desta distinción”, afirmou Méndez entre grandes mostras de emoción por parte de todas as persoas asistentes.

A mandataria lucense fixo extensiva a súa gratitude non só ás 19 asociacións de recreación histórica que forman parte da organización dos festexos e que aglutinan a preto dun millar de socios e socias, senón tamén a moitas outras persoas que mobilizan a amigos e familiares e que cooperan na preparación de actividades programadas. Como decisivo é tamén o traballo que levan a cabo os distintos sectores da cidade, os patrocinadores e tamén os centros educativos, así como o equipo técnico municipal”.

“Precisamente polo grado de implicación da cidadanía o Arde Lucus foi incrementando o seu éxito da man da aposta decidida que fixemos dende o Concello para recuperar o noso pasado romano tratando de mantelo vivo cunha recreación fidedigna pero, sobre todo, participativa e lúdica, exportando a imaxe máis positiva e cordial do noso municipio e dos e das lucenses”, afirmou a rexedora.

Lara Méndez fixo un breve repaso polo que comezou como unha festa para incentivar o sector da hostalaría do centro histórico, e que tan só duraba unha noite, pero que non tardou moito en converterse nunha festa de recreación histórica, cun compoñente indentitario, patrimonial, cultural, lúdico e de dinamización económica que a fan absolutamente singular”.

Así, no ano 2003 ampliouse a súa duración a toda a fin de semana, comezando o venres pola tarde e finalizando o domingo pola noite. Hoxe en día, a festa arrinca xa o xoves. En 2011, foi declarada festa de Interese Turístico de Galicia e no 2017 conseguiu o recoñecemento de festa de Interese Turístico Nacional.

A rexedora dedicou, así mesmo, uns minutos a repasar o alcance, cada vez máis extenso do Arde Lucus, incluso durante a COVID e nos anos posteriores onde se lograron os maiores índices de coñecemento desta festa fóra de Galicia e España debido, en gran parte, ao tirón das novas tecnoloxías.

“Na pandemia, por exemplo, mantivemos prendida a chama do Arde Lucus a través de emisións por streaming e apoiándonos no uso das redes sociais e das diferentes plataformas dixitais”, lembrou a rexedora.

Cifras acadadas no esforzo pola internacionalización

Nos dous últimos anos, máis de 35 millóns de persoas de todo o mundo coñeceron o Arde Lvcvs a través da difusión que realizaron xornalistas representantes de medios de comunicación de dez países e tres continentes. Así, a cita tivo presenza en países como China, México, Italia, Francia, Bulgaria, Arxentina, Canadá, Líbano, Uruguai, Cuba, Estados Unidos, Porto Rico e varios outros países de Latinoamérica, en medios cunha repercusión moi importante.

Os contidos do XXI Arde Lvcvs publicados a través das redes superaron o millón de impresións (número de veces que se mostraron) chegando a máis de 600.000 persoas de varios países e continentes, entre os que destacan por orde, ademais de España: Portugal, Bolivia, Estados Unidos, Arxentina, Italia, México, Reino Unido, Brasil, Ecuador, Colombia, Paraguai, Perú, O Salvador, Indonesia, República Dominicana, Nicaragua, Francia, Alemaña, Venezuela, Guatemala, Suíza, Honduras, Chile, Romanía, Uruguai.

Actualmente, certifícanse preto de 16.000 enlaces web que apuntan á web oficial do Arde Lvcvs, así como 250 web, na súa gran maioría en EEUU, Latinoamérica e Europa.

A comunidade das contas oficiais do Arde Lvcvs: Facebook, Instagram, Twitter e Youtube creceu un 4,7% en total en 2022, conseguindo un global de 42.315 seguidores ao finalizar a festa. Respecto a os contidos audiovisuais publicados, os vídeos rexistraron máis de 332.000 reproducións.

Outro dos fitos que levou a imaxe de Lugo e do Arde Lvcvs polo mundo foi o mural de Caio Julio César, do lucense Diego As, que foi recoñecido como o mellor mural do mundo no ano 2021 pola plataforma Street Art Cities, a maior plataforma de arte urbano do mundo. E que este ano se completará coa creación doutro de temática castrexa.

Ademais, recén estreado o 2023, as tropas romanas conquistaron as rúas de Madrid durante a celebración de Fitur aproveitando a proxección que outorga este escenario para divulgar a singularidade e esencia do Arde Lucus.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Arde Lucus Internacional | Descargar mp3

Noticias relacionadas