Lara Méndez anima a participar no Día do Veciño, “cita que reforza os lazos do movemento veciñal, esencial en Lugo”

O acto será o 23 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e a organización espera congregrar a máis de 4.000 veciños, cifra superior a anterior da pandemia.

A xornada dará comezo ás 10.00 horas e durante o seu transcurso servirá para entregar as V de Veciño,  recoñecemento que recibirán 25 persoas e colectivos.

Xoves, 13 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anima a participar no Día do Veciño, “cita que reforza os lazos do movemento veciñal, esencial en Lugo”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou a fortaleza do movemento asociativo veciñal de Lugo, que celebrará o ‘Día do Veciño’ o vindeiro 23 de outubro, e que prevé nesta ocasión congregar a máis de 4.000 persoas, superando así a asistencia da última edición levada a cabo no 2019, antes da pandemia.

A rexedora destacou que “o tecido asociativo lucense é sen dúbida algunha un dos piares máis importantes dos que dispomos, feito que debemos preservar”, incidiu, e destacou que a vindeira cita “ten unha seña de identidade propia e un peso importante no calendario de eventos da cidade e da provincia, un punto de encontro que fortalece o movemento veciñal, reforza lazos entre os colectivos, así como de toda a poboación”.

“Será de novo unha oportunidade para que o amplo tecido asociativo co que conta a nosa cidade e provincia compartan unha xornada de conviencia”, indicou Lara Méndez que estivo acompañada, entre outros, polo presidente da Federación de Asociacións de Veciños "Lucus Augusti", Jesús Vázquez, e o presidente da Deputación, José Tomé.

Pola súa banda, o presidente da Federación de Asociacións de Veciños, que agradeceu o apoio do Concello e da Alcaldesa Lara Méndez, destacou que este ano o Día do Veciño contará coa presenza dun gran número de entidades de Lugo e provincia, e  lembrou que  “Lugo conta con tantas asociacións de veciños como o resto de Galicia xunta”. Na actualidade, a Federación de Veciños rexistra todos os meses unha nova asociación, chegando a case 350 a día de hoxe que suman 20.000 asociados en todo o territorio provincial.

Programación da xornada e promoción dos produtos lucenses

A partires das 10:00 horas do domingo 23 de outubro terán lugar as inauguracións das exposicións de Artesanía e Productos do campo e das Actividades do ano 2022 da Federación de AA.VV. de Lugo. Coma todos os anos, ás 11:30 horas, terá lugar o partido de fútbol no campo da Cheda entre, xornalistas, políticos e veciños. Ao remate, haberá unha actuación da escola de Baile “RITMO LUGO” para dar paso ao xantar tradicional, previsto para as 14:00 horas.

Unha das finalidades deste encontro é a entrega dos premios V de Veciños. Trátase duns premios cos que se homenaxea e recoñecen a labor de persoas que, no decorrer deste ano, destacaran pola súa colaboración co movemento veciñal.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Día do Veciño (1) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Día do Veciño (2) | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez anima a participar no Día do Veciño, “cita que reforza os lazos do movemento veciñal, esencial en Lugo”

Noticias relacionadas