
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou esta mañá os postos da XVII edición do Comercio na Rúa Street Market, organizada pola Asociación de Autónomas de Lugo e no que participan 63 comercios da cidade, ofrecendo descontos en artigos de todos os sectores ao longo deste venres, de xeito ininterrompido.
Durante a visita, a rexedora subliñou que “desde o executivo municipal estamos moi satisfeitos de colaborar con esta campaña, así como con aquelas iniciativas que teñan entre os seus obxectivos apoiar e dinamizar as compras nos pequenos e medianos establecementos da nosa cidade”.
O Concello de Lugo está a mobilizar un millón de euros, dentro da Estratexia global de dinamización, reconstrucción e reactivación da economía para paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19, ca finalidade de conectar aos veciños e veciñas co consumo de proximidade, potenciando a identidade propia de cada barrio e “proxectando con orgullo a marca Localmente Lucense como un estilo de vida co que declarar loucura polos nosos e polo que nos rodea”.
Durante a visita, á que tamén asistiu a presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Marta López, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, a alcaldesa lembrou que “o pequeno comercio, ademais de xerar riqueza no municipio, mantén un número elevado de postos de traballo, polo que mercar nestes negocios redunda no beneficio de todos”.