Lara Méndez agradece a solidariedade de A Milagrosa, barrio no que se están a desenvolver actuacións de modelo de cidade

Sábado, 03 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez agradece a solidariedade de A Milagrosa, barrio no que se están a desenvolver actuacións de modelo de cidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou, no seu pregón nas festas de A Milagrosa, o carácter solidario da súa veciñanza e os valores que representan, “un barrio onde está o meu fogar e a miña familia, e que se agora ve crecer a miña filla, antes me viu medrar a min como unha moza estudante que percorría as súas rúas”.

A rexedora destacou as  actuacións que o Concello está a desenvolver nel, “exemplo do desenvolvemento do modelo de cidade no que estamos a traballar”, coas que “buscamos recuperar, ampliar e humanizar as áreas públicas para que sexan cálidas e acolledoras, que sexan puntos de encontro da veciñanza para que xoguen os máis pequenos, gocen os nosos maiores, socialicemos os de mediana idade e conecte a nosa mocidade, pero tamén para que fomentemos a riqueza das relacións interxeracionais”.

Así mesmo, explicou que fronte a crise, unha das súas prioridades é “ frear a dor que nos causa que os nosos fillos e netos se vexan obrigados a marchar na procura dun emprego que cumpra coas súas expectativas profesionais”, polo que o Concello mobilizou o maior investimento da súa historia para afianzar o tecido empresarial pero tamén para atraer empresas que creen postos de traballo de calidade.

**********************************

**********************************

Membros da Corporación municipal,

da asociación organizadora das festas da Milagrosa,

veciños e veciñas,

visitantes, amigos e amigas…

Boas tardes a todos e todas, e boas festas!!

Hoxe recuperamos os nosos festexos patronais, os do barrio da Milagrosa, o meu barrio. E se sempre son desexados, nesta edición son aínda máis esperados se cabe que en anteriores ocasións pola súa ausencia tras os duros anos de pandemia, que obrigou a paralizalos.

Volvemos pois a celebrar ao barrio que amamos, un ano máis, e van máis de 50, co orgullo de ser e de sentirnos milagrosistas como bandeira e seña de identidade.

Que hoxe esteamos neste punto llo debemos de agradecer aos organizadores, a asociación cultural e recreativa do gremio de hostalería da Milagrosa, con Pablo ao fronte, co apoio da Federación Veciñal, así como a cada unha das persoas que os precederon durante todos estes anos, por que son cada unha delas, co seu firme e leal compromiso co barrio, a nivel individual e desde os movementos asociativos, as que mantiveron e manteñen cas tradicións que nos definen e identifican.

E, son os que loitan tamén, conxuntamente coas administracións, na busca de respostas ás necesidades que temos como cidadáns e como cidade en colectivo.

Por iso, grazas, moitas grazas polo voso traballo, agradecemento que os quero transmitir como veciña do barrio e como alcaldesa.

Porque ser rexedora da miña cidade, a que elixín para desenvolver o meu proxecto de vida, é un enorme orgullo e unha grande responsabilidade.

Pero tamén é un regalo, porque me permite devolverlle a Lugo todo o que me aportou, traballando por mellorar a vida dos meus veciños e veciñas, no seu día a día, nos pequenos e grandes problemas ,pero tamén pensando no futuro, un futuro no que debemos consolidarnos como un referente en políticas de carácter social e na loita contra o cambio climático que, como comprobamos xa este verán con crueza, son necesarias e obrigadas, e non podemos esquecer que todos debemos ser corresponsables na reversión da situación.

Atravesamos tempos difíciles, con cambios constantes, que nos obrigan a todos a adaptarnos ás crisis sucesivas de emerxencias sanitarias, sociais e climáticas, e tamén económicas, o que na Milagrosa coñecemos ben porque somos un barrio obreiro e traballador, que foi crecendo coa xente chegada de moitos lugares buscando mellores condicións de vida. 

Por iso, quero un Lugo que creza forte e con capacidade para crear oportunidades laborais, que son as que nos permitirán seguir sendo cidade acolledora ao mesmo tempo que frear a dor que nos causa que os nosos fillos e netos se vexan obrigados a marchar na procura dun emprego que cumpra coas súas expectativas profesionais.

Con estes obxectivos en mente, puxemos en marcha medidas encamiñadas á reforzar o tecido empresarial e emprendedor xa existente, pero tamén para atraer investimentos e empresas de vangarda, mobilizando o maior orzamento municipal da historia de Lugo co obxectivo de crear nos vindeiros anos máis de 1.000 empregos directos de calidade, e 3.000 indirectos.

E se, como dicía, ser alcaldesa é o maior orgullo por esa confianza que se deposita nas miñas mans para aportar o mellor de min á cidade, é un motivo de alegría e de enorme emoción que me chamen de novo para ser a pregoeira no meu barrio, o barrio onde está o meu fogar e a miña familia, e que se agora ve crecer a miña filla, antes me viu medrar a min como unha moza estudante que percorría as súas rúas.

A miña pequena xoga e aprende nun barrio que fai gala de grandes valores, porque a Milagrosa mantén vivo o espírito solidario e sabe, pola súa historia, que as redes que tecemos desde o máis próximo son as que mellor funcionan como motor de apoio e crecemento. Sen esas claves non entenderíamos como o barrio se foi transfigurando ata conformarse nun dos motores comerciais da cidade.

Somos un exemplo de vivir en tolerancia e harmonía, calidades que soubemos manter aínda nos momentos de maior crecemento poboacional, cando pasamos de ser un pequeno pobo a converternos nun dos barrios máis grandes de Lugo, pola súa extensión e pola súa poboación, acollendo agora a persoas de máis de 90 nacionalidades que se chaman polo seu nome e que se dan a man, en paz e con proxectos compartidos.

E díxeno no saúda das festas deste ano, pero quero repetilo agora tamén porque podemos presumir dun fondo sentimento de milagrosista, o que temos cada un de nós, a nivel individual pero tamén como comunidade e asociativo, como parroquia e desde os ámbitos sociais, deportivos, culturais, comerciais e educativos.

Sentimento que aflora e se desenvolve con esa convivencia diaria entre a veciñanza, sempre respectuosa e solidaria, sempre xenerosa e sempre dinámica e proactiva.

Neste crecemento do barrio, no progreso da cidade e nesa segunda gran transformación na que estamos a traballar, A Milagrosa ten moito que dicir.

Porque nesta zona activamos iniciativas que a converten nun modelo de desenvolvemento, que iniciamos con obras tan importantes como a peonalización da Praza de A Milagrosa, na que hoxe nos atopamos e que sempre se significou por ser un emblema e a imaxe do barrio, ou a humanización da Praza Agro do Rolo.

Seguindo a liña xa marcada, continuamos con actuacións no Centro Social para mellorar a estancia dos nosos maiores e dos colectivos máis vulnerables, mellorando espazos como a Praza Alacante e tamén rúas como Pintor Seoane ou a histórica Camiño Real, unha das arterias principais da zona.

Execucións todas moi necesarias nun barrio senlleiro polo que o tempo foi pasando deixando unha pegada de desgaste, e que precisa de accións de choque que o sitúen na modernidade.

Buscamos recuperar, ampliar e humanizar as áreas públicas para que sexan cálidas e acolledoras, que sexan puntos de encontro da veciñanza para que xoguen os máis pequenos, gocen os nosos maiores, socialicemos os de mediana idade e conecte a nosa mocidade, pero tamén para que fomentemos a riqueza das relacións interxeracionais.

Sen esquecernos que os barrios máis confortables son aqueles que os cidadáns eliximos para camiñar, pasear e compartir espazos e, polo tanto, gañan en vida e, por conseguinte, en posibilidades comerciais.

Queda camiño por percorrer porque 80 anos de historia necesitan de accións de gran calado e unha delas será, sen dúbida, a consecución para o barrio da declaración de Área de Rehabilitación, os antigos ARI o ARRU, e que se traducirá nun antes e un despois da Milagrosa, e que permitirá desenvolver proxectos integrais que freen a degradación do barrio e mellorar tanto os lugares públicos como o parque de vivendas.

Como vedes, somos ambiciosos con Lugo, e somos ambiciosos con A Milagrosa.

E o somos porque temos un modelo de cidade e de barrio definido e claro, onde sodes a veciñanza o centro das políticas públicas. E o somos porque temos a forza para avanzar e o alento de todos vós, que nos trasladades as vosas preocupacións e as voas críticas, pero tamén nos transmitides o voso ánimo para seguir avanzando.

Respiramos momentos de gran polarización social, de extremos, de branco o negro, de faltas de respecto, de agresividades e violencias, e ata de ameazas, sempre erradas e sempre condenables. Fronte a iso, debemos como sociedade manter a concordia, actuando sempre desde o respecto e a conciliación, valores que a todos nos representan.

Honremos eses valores e celebremos á Milagrosa.

Temos unha semana por diante para dar o mellor de nós mesmos, para compartir os festexos coas nosas familias e amigos, polo que os convido a participar de toda a programación, así como a todas as persoas que se acheguen ata o noso barrio.

Que sexan benvidas.

Gocemos da celebración e do maior patrimonio que ten Lugo: a súa xente.

Que viva a Milagrosa!”

Noticias relacionadas