A rexedora lucense destacou a importancia desta iniciativa “para que os nenos e nenas, desde pequenos, saiban como reaccionar ante situacións de perigo”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañou este luns aos Bombeiros de Lugo e Protección Civil na súa visita ao colexio Franciscanos, onde compartiron formación e consellos prácticos con preto de 600 alumnos do centro.
Un equipo formado por oito membros do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do municipio realizou unha exhibición das tarefas cotiás do Corpo e impartiu dúas charlas, unha destinada aos nenos e nenas de infantil e primaria e outra aos rapaces e rapazas de secundaria, nas que lles achegaron conceptos e consellos útiles para a prevención de lumes, ao tempo que realizaron demostracións prácticas de como actuar en casos de emerxencia, por exemplo, no ámbito doméstico.
A rexedora lucense destacou a importancia desta iniciativa “para que os nenos e nenas, desde pequenos, saiban como reaccionar ante situacións de perigo”, polo que agradeceu tanto á dirección do centro como ao Corpo de bombeiros a organización da xornada que se estendeu ao longo de todo o día.
Ao finalizar a formación, os bombeiros lucenses entregaron ás e aos estudantes un diploma e un caderno con instrucións básicas sobre como actuar en caso de emerxencia.