Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez acompaña aos Bombeiros de Lugo na formación en prevención a máis de 600 alumnos do colexio Franciscanos

Lara Méndez acompaña aos Bombeiros de Lugo na formación en prevención a máis de 600 alumnos do colexio Franciscanos

A rexedora lucense destacou a importancia desta iniciativa “para que os nenos e nenas, desde pequenos, saiban como reaccionar ante situacións de perigo”.

 
  • Tema
    • Educación,
    • Formación
Luns, 27 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez acompaña aos Bombeiros de Lugo na formación en prevención a máis de 600 alumnos do colexio Franciscanos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañou este luns aos Bombeiros de Lugo e Protección Civil na súa visita ao colexio Franciscanos, onde compartiron formación e consellos prácticos con preto de 600 alumnos do centro.

Un equipo formado por oito membros do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do municipio realizou unha exhibición das tarefas cotiás do Corpo e impartiu dúas charlas, unha destinada aos nenos e nenas de infantil e primaria e outra aos rapaces e rapazas de secundaria, nas que lles achegaron conceptos e consellos útiles para a prevención de lumes, ao tempo que realizaron demostracións prácticas de como actuar en casos de emerxencia, por exemplo, no ámbito doméstico.

A rexedora lucense destacou a importancia desta iniciativa “para que os nenos e nenas, desde pequenos, saiban como reaccionar ante situacións de perigo”, polo que agradeceu tanto á dirección do centro como ao Corpo de bombeiros a organización da xornada que se estendeu ao longo de todo o día.

Ao finalizar a formación, os bombeiros lucenses entregaron ás e aos estudantes un diploma e un caderno con instrucións básicas sobre como actuar en caso de emerxencia.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-acompana-aos-bombeiros-de-lugo-na-formacion-en-prevencion-mais-de-600-alumnos-do