Lara Méndez aborda a mellora dos barrios cun Plan de Embelecemento urbano ao que destinará 260.000 € en dous anos

O contrato será adxudicado este mércores a un centro especial de emprego de iniciativa social co fin de impulsar a inserción de persoas con discapacidade.

Os traballos reverterán na conservación dos espazos públicos urbanos e na estética do conxunto da capital.

Para desenvolver a iniciativa, cofinanciada cos fondos europeos da Estratexia Muramiñae, o Concello activará unha nova campaña de participación cidadá.

Luns, 21 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez aborda a mellora dos barrios cun Plan de Embelecemento urbano ao que destinará 260.000 € en dous anos

A Xunta de Goberno Local adxudicará esta semana o Plan de Embelecemento urbano co que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pretende mellorar a conservación e a habitabilidade dos barrios da capital. Un obxectivo ao que destinará 260.000 euros en dous anos e cos que se abordarán aquelas intervencións, demandadas pola veciñanza, que contribúan a garantir o correcto mantemento dos espazos públicos.

“A súa posta en marcha nos permitirá acometer traballos de acondicionamento, arranxo e recuperación do mobiliario urbano, ofrecendo unha resposta áxil ás necesidades que nos trasladan as e os lucenses e incrementando a vida útil de elementos como bancos, papeleiras, etc... pero repercutindo, tamén, noutros aspectos como a seguridade das vías ou no ornato das zonas axardinadas”, destacou a rexedora.

Así, este próximo mércores, o Executivo municipal autorizará a asignación do contrato ao centro especial de emprego e iniciativa social Coregal Parques e Xardíns, “atendendo a outro dos obxectivos que queremos alcanzar con esta iniciativa como é a inserción no mercado laboral das persoas con discapacidade”, lembrou Méndez.

A alcaldesa lucense referiu que a licitación foi dividida en dous lotes. Un deles, cofinanciado ao 80% polos fondos FEDER dentro da Estratexia DUSI Muramiñae - a través da súa liña vinculada a estimular a creación de emprego en colectivos vulnerables – e que permitirá desenvolver accións de mellora nas dez localizacións incluídas no seu ámbito de actuación, e un segundo lote para o resto de barrios.

“Entre as obras que se poderán efectuar destacan intervencións de conservación e instalación de mobiliario, de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, así como de reordenación de espazos ou arranxo de beirarrúas e pavimentos, entre outros. Co requisito de que todos estes labores deberán iniciarse no prazo máximo dunha semana dende que o Concello realice o seu encargo e deberán concluír en quince días”, sinalou Lara Méndez.

“A nosa vontade é dar unha resposta áxil ás demandas da veciñanza, de maneira que a aplicación deste Plan se acompañará dunha campaña de participación cidadá para que, por unha banda, todas aquelas persoas que queiran nos poidan trasladar as súas suxestións e peticións, ao tempo que favorecemos a implicación da poboación na protección e coidado dos espazos comúns que compartimos”, subliñou a rexedora.

O Plan de Embelecemento dará continuidade ao programa de capacitación sociolaboral Muramiñae Rehabilita, co que o Concello de Lugo articulou tres brigadas formadas por 27 traballadores e traballadoras que se atopaban en situación de desemprego e, a través do cal se executaron a peonalización da Rúa do Esquecemento ou as rehabilitacións do Parque Rosalía de Castro e da contorna fluvial do río Miño.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a adxudicación do Plan de Embelecemento | Descargar mp3

Noticias relacionadas