Gobernanza inicia o expediente para rescindir o contrato do 010 co obxectivo de restablecer canto antes o servizo

A tenente de alcaldesa Paula Alvarellos explicou tamén que o Concello avaliará os danos e prexuízos ocasionados pola empresa á Administración local por ter abandonado a prestación sen previo aviso.

Luns, 21 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Gobernanza inicia o expediente para rescindir o contrato do 010 co obxectivo de restablecer canto antes o servizo

O Concello de Lugo iniciará este mércores, coa súa aprobación en Xunta de Goberno, o expediente para rescindir o o contrato coa empresa Abante B.P.O como adxudicataria do Servizo 010 de atención telefónica. A decisión obedece á vontade do Executivo de Lara Méndez de restablecer canto antes esta prestación e ante a necesidade de tramitar un novo procedemento de contratación para a mesma, logo do deixamento de funcións no que incorreu a concesionaria.

Dende a área de Gobernanza que dirixe a tenente de alcaldesa Paula Alvarellos, informouse hoxe de que, deste xeito, a Administración local procederá a finalizar a relación contractual actual polo que, resolto definitivamente o contrato, logo da súa tramitación regulamentaria, procederá á valoración dos danos e prexuízos realmente ocasionados a esta Administración e á incautación da garantía depositada sen prexuízo das restantes accións administrativas o xudiciais que, no seu caso, procedan.

Alvarellos Fondo lembrou que o Concello viña prestando atención telefónica á cidadanía mediante un contrato de servizos que foi adxudicado no seu momento á empresa Abante B.P.O e que esta desempeñaba con normalidade de xeito adecuado ás especificacións requiridas pola Institución.

“Este contrato foi obxecto dunha serie de reforzos extraordinarios durante a pandemia atendendo ás novas necesidades que xurdiron para intentar adecuarse ás medidas adoptadas de control da crise sanitaria”, asegurou a edil quen aclarou que, na práctica, “significou un aumento do número de chamadas o que nos fixo reformular un novo modelo de atención telefónica que tivera en conta esta experiencia e que supuxo un antes e un despois para o servizo”, indicou a edil.

De calquera xeito e ante a finalización do período contractual, tendo en conta a necesidade de continuidade da prestación ata que se tramitase un novo procedemento de licitación - cuxo prego de prescricións xa se está elaborando - o Concello aprobou unha prórroga, prevista no propio contrato, cunha duración ata o 31 de decembro de 2022 ou ata que se producira esa nova adxudicación do servizo de atención telefónica 010.

“Porén – relatou Paula Alvarellos - segundo nos informa o servizo xestor, o pasado día 7 de marzo, sen previo aviso, produciuse a cesación do servizo 010 de forma abrupta, indicándose inicialmente que se trataba dun fallo informático e, posteriormente, que era un abandono de carácter definitivo por circunstancias internas da empresa Abante B.P.O, deixando desamparados a varios clientes, entre eles este Concello, sen que existira ata ese intre explicación algunha, comunicación expresa ou calquera outra tipo de contacto formal”.

“Polo que á vista deste comportamento optamos por adoptar toda esa batería de medidas contra a empresa contratista se ben, en cumprimento da normativa vixente, disporá agora dun trámite de audiencia de 10 días hábiles para comparecer no expediente e alegar o que ao seu dereito proceda”, concluíu Alvarellos Fondos.

Noticias relacionadas