Felipe VI presidirá mañá en Lugo o acto central do Tour do Talento e a a Proclamación do Premio Princesa de Girona Investigación Científica

Previamente, terá lugar o Congreso Importa, protagonizado por Caverzaschi, tenista  paralímpico español número 1 nacional e Antonio Espinosa, CEO de Aura.

Xoves, 04 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Felipe VI presidirá mañá en Lugo o acto central do Tour do Talento e a a Proclamación do Premio Princesa de Girona Investigación Científica

Este venres, 5 de maio, S.M. o Rei, xunto coas primeiras autoridades de Galicia, presidirá o acto central do Tour do Talento en Lugo, unha iniciativa impulsada pola Fundación Princesa de Girona, coa colaboración do Concello. Durante o mesmo, terá lugar a Proclamación do Premio Princesa de Girona de Investigación Científica 2023, da man dun xurado de expertos e premiados da fundación de anos anteriores.

Antes deste acto central, que terá lugar no Auditorio Gustavo Freire, celebrarase o Congreso «Importa», da man da Fundación Lo que de verdad importa (LQDVI). Este foro ofrecerá unha serie de charlas que achegarán aos mozos e mozas valores como a tolerancia, a superación, o respecto ou a solidariedade. Protagonizarán o encontro Dani Caverzaschi, tenista español número 1 nacional e o 14 a nivel mundial e unha das promesas do deporte paralímpico español e Antonio Espinosa, CEO de Aura, empresa social cuxo fin é financiar proxectos de acceso a auga potable.

Capitais de talento novo

Un ano máis, a Fundación Princesa de Girona escolle o Tour do Talento como escenario para anunciar o nome das persoas gañadoras dos seus Premios –galardoes que se entregarán no verán–. En Lugo, proclamarase o Premio Princesa de Investigación Científica 2023 e en xuño, Xirona anunciará o Premio Escola do Ano, un galardón que se entrega cada ano a un centro pedagóxico de referencia en materia de innovación educativa.

E, ademais, nas próximas semanas un xurado de expertos reunido para outorgar o Premio Internacional anunciará o nome dun novo mozo que se sumará a esta categoría que reúne xa a catro galardoados, pois este premio creouse no ano 2019.

O Premio Princesa de Girona Social 2023 foi proclamado na primeira parada do Tour, en Zaragoza, e recaeu na educadora social e promotora da Fundación de Arte Paliativa, Sílvia Fernández Cadevall, por «a súa constancia, determinación, sensibilidade, humildade e compromiso no acompañamento de persoas durante a enfermidade e ao final da vida»; o Premio Princesa de Girona Empresa 2023, proclamado en Valladolid, recaeu en Rafael Jordá por «democratizar o acceso ao espazo para o beneficio da sociedade facendo posible o lanzamento de satélites de órbita baixa, reducindo os prazos de desenvolvemento e fabricación, e a un custo competitivo». En Córdoba, a violinista María Donas, foi a merecedora do Premio Princesa de Girona Artes e Letras por «o seu gran talento, a súa disciplina e a súa capacidade de traballo constituíndo un excepcional modelo inspirador para os mozos».

Un proxecto de cidade

O Tour do Talento na cidade de Lugo conta coa colaboración do Concello de Lugo como coorganizador do evento e a colaboración de Fundación Vertex Bioenergy, Norvento Enerxía, a Xunta de Galicia, ademais da Universidade de Santiago e Campus Terra.

Os Proxectos especiais do Tour do Talento Lugo, o Congreso Importa e o programa CodGo!, realízanse grazas a Telefónica, Novantia, GRI Renewable Industries, Caixabank, imagin e Fundación Banco Sabadell.

Noticias relacionadas