Este mércores haberá unha xornada de portas abertas nas escolas infantís dirixida ás persoas solicitantes de praza de novo ingreso

O Concello abre as portas das garderías infantís municipais ás persoas que solicitan prazas por primeira vez, para que as visiten en horario de 17:00 a 19:00 horas

Luns, 13 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As catro escolas infantís municipais do Concello, Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburguer, estarán a disposición das familias solicitantes por primeira vez de matrícula para o vindeiro curso escolar, nunha xornada de portas abertas que terá lugar este mércores, 15 de marzo.

O horario de visita a estas garderías municipais será, en todas elas, de 17:00 a 19:00 horas. Deste xeito, as persoas solicitantes poderán visitar as instalacións destas dependencias municipais que, por primeira vez, estarán a disposición dos usuarios tamén no mes de agosto, para mellorar a conciliación da vida laboral e familiar no período estival.

A solicitude de matrícula está aberta ata o 5 de abril, debendo presentarse a documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello, en horario de atención ao público, de 9:00 a 14:00 horas.

Haberá un total de 37 prazas de novo ingreso nas escolas Serra de Outes, Gregorio Sanz e Luis Soto Menor, 7 prazas de 3 meses a 1 ano, 4 de un a dous anos e 26 de 2 a 3 anos. Por outra banda, a escola María Wonenburguer ofertará 31 prazas de novo ingreso, 7 para cativos de 3 meses a 1 ano, 4 para nenos de 1 a 2 anos, e 20 de 2 a 3 anos.

Noticias relacionadas