Efectivos do Parque de Bombeiros inician hoxe unha semana de formación sobre operativos de rescate en accidentes de tráfico

Luns, 16 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os bombeiros de Lugo comezaban hoxe un curso de formación dirixido inicialmente aos efectivos de recente incorporación, aínda que está aberto a todo o Corpo coa fin de que sexa tamén unha reciclaxe para o resto de compañeiros do parque municipal.

O curso desenvolverase durante toda a semana, en horario de mañá e estará relacionado cos rescates en accidentes de tráfico, dividíndose en tres partes fundamentais como é a estabilización de vehículos, as técnicas de excarcelación e a extracción de vítimas dos automóbiles así como actuacións no caso de modelos híbridos.

A formación servirá, nuns casos, para adquirir nocións en intervencións frecuentes ás que os bombeiros locais deben facer fronte no día a día do seu traballo e, noutros, para actualizarse e refrescar coñecementos de maneira que sirva para establecer procedementos e operativos a empregar nas futuras actuacións que teñan que atender, cando hai automóbiles implicados.

A rexedora desexoulles que sexa de gran utilidade ao tempo que lles adiantou que “a vocación do goberno local é a de darlle continuidade a este tipo de accións formativas de xeito continuado e tamén a de mellorar os equipamentos tanto de medios como de vestiario que os bombeiros precisan para exercer o seu labor en condicións axeitadas”.

Noticias relacionadas