Ducias de veciños participan na xornada de concienciación sobre a reanimación cardiopulmonar na Praza Maior

A Alcaldesa subliñou a importancia de formarse, xa dende a escola, nesta técnica básica de primeiros auxilios “que salva vidas” e reivindicou a dotación de Hemodinámica 24 horas no HULA

Concello e Deputación colaboran nesta campaña divulgativa e de sensibilización que Salutrans desenvolve hoxe xunto á casa consistorial con motivo do Día Europeo de Concienciación do Paro Cardíaco

Luns, 16 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ducias de veciños participan na xornada de concienciación sobre a reanimación cardiopulmonar na Praza Maior

Ducias de veciños e veciñas están a pasar polo hospital de campaña e a carpa onde monitores sanitarios amosan como realizar manobras de Reanimación Cardiopulmonar (RCP) dentro da campaña divulgativa e de sensibilización organizada  hoxe na Praza Maior por Salutrans, en colaboración co Concello de Lugo e a Deputación, con motivo da conmemoración do Día Europeo de Concienciación do Paro Cardíaco.

A Alcaldesa, Lara Méndez, acompañada do Deputado provincial de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o xefe de Cardioloxía do HULA, Juan Carlos González Juanatey, achegouse este mediodía ás xornadas, onde subliñou a importancia da formación, xa dende a escola, en RCP, “unha técnica básica de primeiros auxilios que salva vidas”, fixo un chamamento para que “a cidadanía aproveite estas xornadas e adquira os coñecementos mínimos e básicos” neste eido, e, ao mesmo tempo, reivindicou a dotación do servizo de Hemodinámica as 24 horas no HULA. “De nada serve a formación, os coñecementos, se logo temos que esperar máis de dúas horas para recibir atención hospitalaria”, subliñou Méndez. Neste senso, a Alcaldesa lembrou que, segundo os datos do Rexistro Galego de Atención ao Infarto de Galicia (Regaliam) dados a coñecer en parte pola Xunta, os lucenses “somos os que máis tardamos en ser atendidos de infarto de toda Galicia”.

Xefe de Cardioloxía do HULA

Pola súa banda, o xefe de Cardioloxía do HULA, ao que a Alcaldesa agradeceu a súa presencia nas xornadas, incidiu na necesidade de que Lugo conte con Hemodinámica 24 horas. “Estamos convencidos de que é preciso e de que chegará, espero, que non moi tarde”, asegurou Juanatey, quen lembrou que “o infarto de miocardio e as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte en Galicia, tamén na nosa provincia”, sendo “o norte de Lugo e a Coruña as zonas de maior incidencia”. Con estas xornadas, engadiu, “trátase de concienciar e formar á poboación para que poida actuar cun coñecemento básico que todos deberiamos ter. Todas as administracións, sociedades e colectivos deberían estar implicados á hora de formar e ter desfibriladores automáticos, que permiten salvar vidas”.

Hospital de campaña e UVI móbil

As xornadas, que arrancaron ás 11:00, continuarán ata as 18:00 horas. Os medios materiais desprazados son un hospital de campaña, dous bonecos RCP, dous conxuntos de RCP básica, catro estacións de RCP, un defibrilador de prácticas e unha UVI móbil equipada con todos os equipamentos. Tamén hai un total de oito instrutores, realizando tarefas de monitores, que explican todas as cuestións relacionadas con esta temática e repartirán folletos informativos.

En España morren de forma súbita ao ano, debido a afeccións como os infartos, unhas 40.000 persoas, entre 3.000 e 5.000 en Galicia. Segundo os expertos en cardioloxía, con cursos de formación, a supervivencia podería elevarse como mínimo do 5 ao 15%. Sen embargo, a día de hoxe, a denominada cadea de supervivencia, que poderían realizar a maioría da persoas, só se realiza en unha de cada cinco persoas que sofre un paro cardíaco fóra do hospital, de aí a importancia da formación na poboación en xeral, comezando mesmo dende a escola.

Multimedia

  • Ducias de veciños participan na xornada de concienciación sobre a reanimación cardiopulmonar na Praza Maior

Noticias relacionadas