Coral Lugh rende homenaxe ás vítimas da DINA dende o Cemiterio Municipal de Lugo

A área de Participación do Concello organiza o Concerto da Lembranza, enviando así unha mensaxe de homenaxe e solidariedade dende Lugo.

As actividades do Cemiterio continúan co Concurso de Fotografía ‘Estampas de Paz e Acougo’ para poñer en valor a súa simboloxía oculta.

Xoves, 07 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Coral Lugh rende homenaxe ás vítimas da DINA dende o Cemiterio Municipal de Lugo

A área de Participación do Concello de Lugo continúa coas actividades no Cemiterio Municipal coincidindo co 1 de novembro. Entre estas actividades destaca o tradicional Concerto da Lembranza, que este ano estará a cargo de Coral Lugh, cunha actuación ás 19.30 horas dedicada ás vítimas da DINA que afectou a Valencia, enviando así unha mensaxe de homenaxe e solidariedade dende Lugo.

A concelleira de Participación, Cristina López, subliñou a importancia deste tipo de actos, destacando que “o cemiterio é tamén un espazo de cultura e memoria, e ao longo do ano acolle numerosas iniciativas que buscan achegar á cidadanía á súa riqueza patrimonial”. Segundo a edil, o Concerto da Lembranza, que se celebra cada ano nestas datas, convértese nun momento de lembranza e de proximidade, especialmente significativo neste 2024 pola súa dedicatoria ás vítimas da DINA.

Ademais deste concerto, a Área de Participación ten aberta a convocatoria do Concurso de Fotografía ‘Estampas de Paz e Acougo’, unha actividade que “busca captar a beleza e simboloxía oculta nas construcións e esculturas funerarias do noso cemiterio”. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de novembro para todas aquelas persoas que desexan participar. Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías inéditas e orixinais para este evento, non podendo estar publicadas en calquera medio con anterioridade á data de convocatoria.

Cristina López engadiu que a programación cultural do Cemiterio Municipal está deseñada para estenderse ao longo de todo o ano “para que cada vez máis veciños e veciñas se sumen ás diferentes propostas e coñezan as particularidades e a singularidade do noso cemiterio, un espazo de convivencia cultural e de homenaxe”.

Multimedia

  • Coral Lugh rende homenaxe ás vítimas da DINA dende o Cemiterio Municipal de Lugo
  • Coral Lugh rende homenaxe ás vítimas da DINA dende o Cemiterio Municipal de Lugo

Noticias relacionadas