Concello e Subdelegación reunen á Xunta Local de Seguridade para reforzar os dispositivos de control do Caudal Fest

Nos concertos, que adoptan un formato moito máis reducido, con aforamentos máximos de 2.500 persoas por día, estremaranse as medidas de sanitarias.

Luns, 13 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Subdelegación reunen á Xunta Local de Seguridade para reforzar os dispositivos de control do Caudal Fest

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron este luns a Xunta Local de Seguridade para organizar e reforzar o dispositivo que se porá en marcha con motivo dos concertos do Caudal Fest, que se celebrarán do 16 ao 18 de setembro na contorna do río Miño. Na reunión coordináronse os efectivos da Policía Local e Nacional, así de Emerxencias, Bombeiros, Protección Civil, Tráfico e persoal da empresa organizadora.

Nesta reunión fíxose fincapé na necesidade de “fixar a coordinación porque, pese a que os concertos se desenvolverán con formatos moito máis reducidos e desaparece a zona do cámping, nesta edición faise máis necesaria que nunca para garantir que se cumpran todas as medidas estipuladas pola situación de pandemia”, segundo sostivo a rexedora. “Debemos garantir a prevención máxima da saúde ao mesmo tempo que intentamos revitalizar o sectores cultural e hostaleiro gozando de actuacións de grandes artistas do panorama internacional, nacional e galego”, comentou.

O dispositivo que se despregará se adapta nesta edición a un formato diferente, máis reducido, con aforamentos máximos de 2.500 persoas por día, onde o público se ubicará en espazos zonificados, e cada un disporá dos seus accesos. Os efectivos policiais estarán pendentes de evitar as aglomeracións nas inmediacións.

Medidas sanitarias

O recinto estará dividido en varios sectores para garantir a seguridade dos asistentes, tendo cada zona os seus propios accesos, baños, barras, foodtrucks, etc., e sendo independentes entre si. Ademais, os asistentes dispoñerán dunha aplicación móbil para pedir nas barras do festival desde o asento co obxectivo de evitar as colas.

A circulación estará organizada e sinalizada con carrís separados de acceso e saída, control da distancia de seguridade, e instalaranse puntos de desinfección de mans con dispensadores de xel hidroalcohólico.

Nathy Peluso, Love of Lesbian e La M.O.D.A. encabezan o cartel, Bad Gyal, Iván Ferreiro, Sen Senra, Shinova, Kutxi Romero de Marea, Ladilla Rusa e o local David Prado serán outras das actuacións do cartel, variado e de calidade, do Caudal Fest.

Noticias relacionadas