Concello e Deputación impulsan o comercio lucense coa 8ª Feira Outlet organizada polas Autónomas

A iniciativa, que reunirá a comerciantes lucenses ofrecendo nos seus stands centos de produtos con descontos entre o 50 e 80%, terá lugar os días 17, 18 e 19  de outubro na praza Anxo Fernández Gómez

Ana Prieto apuntou que “esta Feira Outlet vén precedida por outras iniciativas similares que a Asociación de Autónomas pon en marcha ao longo de todo o ano co respaldo do Concello e a Deputación, como o Street Market ou a Noite Aberta”

A Feira Outlet estará aberta na carpa situada detrás da Casa do Concello en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Haberá produtos de zapatería, téxtil, xoiería, mercería, óptica, lencería, bixutería, fogar, pel, complementos ou agasallos

Venres, 13 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación impulsan o comercio lucense coa 8ª Feira Outlet organizada polas Autónomas

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, presentaron este venres a oitava edición da Feira Outlet, que terá lugar os días 17, 18 e 19 de outubro e que reunirá a numerosos comerciantes lucenses ofrecendo nos seus stands centos de produtos con descontos que oscilarán entre o 50 e o 80%. Fixérono acompañadas pola Presidenta da Asociación de Autónomas e Empresarias, Marta López, e o Presidente da Federación de Comercio, José María Seijas.

Ana Prieto apuntou que “o Concello, un ano máis, colabora coa Asociación de Autónomas de Lugo, neste tipo de accións tendentes a dinamización do tecido económico lucense”. A edil declarou que “esta Feira Outlet vén precedida por outras iniciativas similares que a Asociación de Autónomas pon en marcha ao longo de todo o ano co respaldo da Deputación e o Concello, como o Street Market ou a Noite Aberta”.

Pola súa parte, López Izquierdo subliñou que “estamos moi satisfeitos de colaborar coa Asociación de Autónomas na celebración desta iniciativa, xa consolidada, pois trátase da oitava edición.Coa Feira Outlet apoiamos á pequena e mediana empresa luguesa, ao mesmo tempo que impulsamos a economía local, pois en anteriores edicións rexistráronse uns beneficios medios de 100.000 euros, uns 3.500 euros por comercio durante só tres días.Estes datos dan boa conta da repercusión da cita e a boa acollida entre veciños e visitantes da cidade, animando o consumo tanto polos asequibles prezos coma pola súa situación céntrica”.

30 comercios con descontos de ata o 80%

Un total de 30 comerciantes lucenses estarán presentes nesta nova edición da Feira Outlet. Porán á venda centos de produtos variados de stock a prezos considerablemente reducidos, con descontos dun 50% a un 80%.Zapatería, téxtil, xoiería, lencería, bixutería, pel, agasallos, óptica, peiteado, cosmética, deporte e complementos serán as mercadorías que se poderán adquirir, moitas delas de destacadas marcas.

O listado de comercios participantes é o seguinte:Aluma (téxtil); Backstage Store (téxtil); Baron (téxtil); Black Market (zapatería); Bonec (zapatería e complementos); Bonita Y Coqueta (bixutería e complementos); Casa Piedad (lencería); C. Serrano (roupa de neno); C.V.P. Regalos (agasallos); Destellos (roupa de muller); Dolores Promesas (roupa de muller); Ene Y Efe (calzado); Inpe (peletería); Joyería Senén-M&N Joyas (xoiería); Kucadas Boutique Infantil (téxtil); La Casita Pérez (téxtil de nenos); Lilas (mercería e lencería); Malizia Lenceria (roupa de muller); Miky Moda (comunión, roupa sport e calzado de nenos); Mi Pequeño Vestidor (roupa de muller); Óptica De La  Torre (óptica); Peletería Lucus (artigos de pel, bolsos, bixutería); Pisotones (zapatería); Sainkho (téxtil); Stela (téxtil); Thesalia (téxtil); Tolda (téxtil de muller); Vas’s (téxtil); Yute (téxtil).

3 días para mercar

A Deputación cede un ano máis á Asociación de Autónomas e Empresarias a carpa situada na praza Anxo Fernández Gómez detrás do consistorio lucense para a celebración da 7ª Feira Outlet. A carpa, na que se está a desenvolver o Artesanfroilán, estará aberta dende o martes 17 ao xoves 19 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00  horas.

Noticias relacionadas