O Executivo de Paula Alvarellos financia a campaña ‘O Camiño con AELU’ para fomentar as compras no pequeno comercio da cidade

A través desta iniciativa cada persoa que merque nos establecementos adheridos terá a posibilidade de optar a un agasallo directo, para o cal deberán ir selando un pasaporte.

Alvarellos: “Debemos apoiar aos establecementos de proximidade de Lugo, como unha forma directa de contribuír ao desenvolvemento da nosa economía, axudando ás familias e emprendedores lucenses”.

O día 22 de novembro de 17:00 a 20:00 horas instalarase unha caseta diante do Concello na que todas as persoas que leven o seu pasaporte selado escollerán o seu premio. 

Luns, 04 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos financia a campaña ‘O Camiño con AELU’ para fomentar as compras no pequeno comercio da cidade

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e da presidenta da Asociación de Empresarias da Provincia de Lugo, Anjhara Gómez, presentou este luns a campaña ‘O Camiño con AELU’, que financia o Concello para fomentar as compras no pequeno comercio da cidade.

“A través desta iniciativa que poñemos en marcha da man de AELU queremos apoiar aos establecementos de proximidade do municipio, como unha forma directa de contribuír ao desenvolvemento da nosa economía, axudando ás familias e emprendedores que día a día poñen o seu esforzo e ilusión para ofrecernos produtos de calidade, únicos e feitos coa proximidade e a atención que só o comercio local pode brindar”, explicou a rexedora.

Deste xeito, a campaña, que se inicia hoxe e continuará ata o vindeiro 22 de novembro, premiará as compras realizadas nos establecementos asociados á entidade lucense. Así, creouse un pasaporte específico para a ocasión, no que cada persoa que merque nos comercios adheridos á campaña poderá ir selándoo. O día 22 de novembro de 17:00 a 20:00 horas instalarase unha caseta diante do Concello na que todas as persoas que leven o seu pasaporte selado terán dereito a un agasallo directo.

Neste senso, o Mauricio Repetto animou a toda a cidadanía a participar na iniciativa. “Apoiar o comercio local é apoiar ás nosas veciñas e veciños, e tamén un compromiso coa sustentabilidade e o medio ambiente. Sabemos que mercar de forma responsable implica reducir as distancias de transporte, reducir emisións e coidar a nosa contorna. Ademais, cada vez que facemos unha compra nos comercios de proximidade estamos xerando emprego, fortalecendo o tecido económico local e contribuíndo ao benestar de todas as persoas”, destacou.

O nome da campaña “O Camiño con AELU” busca ademais facer un símil e recrear o camiño de Santiago, promovendo os valores culturais e tradicionais de Lugo e propiciando así a participación dos cidadáns na mesma. Por cada compra, recibirán un selo para completar o seu pasaporte. Os participantes disporán de tres semanas para conseguir os máximos selos posibles e unha vez concluído o prazo, todas as persoas que teñan a súa cartilla cuberta recibirán un premio que será ao azar, nun evento que terá lugar na Praza Maior. Para conseguilo cada cliente deberá explotar un globo levándose o premio que haxa no seu interior. Os comercios adheridos á campaña contará cun cartel identificador. 

Multimedia

  • O Executivo de Paula Alvarellos financia a campaña ‘O Camiño con AELU’ para fomentar as compras no pequeno comercio da cidade

Noticias relacionadas