Rubén Arroxo reuniuse coa Asociación de Empresarios de "O Ceao - As Gándaras"

Na xuntanza o Tenente Alcalde e o edil de Infraestruturas recolleron as necesidades destas dúas zonas industriais.

Arroxo lembrou que a Tenencia de Alcaldía garda nos orzamentos de 2025 un total de 500.000€ para realizar melloras nos polígonos industriais.

Venres, 16 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo reuniuse coa Asociación de Empresarios de "O Ceao - As Gándaras"

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas mantiveron unha xuntanza coa directiva asociación de empresarios de "O Ceao As Gándaras" para "coñecer de primeira man as necesidades das distintas empresas do sector e poder planificar os traballos a executar nos vindeiros meses", explicou Arroxo.

"Recollemos as propostas que nos fixeron chegar e trataremos de dar solucións e mellorar as infraestruturas no menor prazo de tempo posíbel", indicou o Tenente de Alcalde, que engadiu "nos orzamentos de 2025, gardamos un total de 500.000€ para realizar actuacións nas zonas industriais da cidade, unha zona que require dun mantemento axeitado debido ao tráfico pesado que soporta".

Arroxo lembrou que a Tenencia de Alcaldía está xa a licitar o reasfaltado da rúa da Agricultura, no polígono do Ceao, cun orzamento de 134.692,38 euros e un prazo de execución de 12 semanas. Os traballos inclúen a eliminación da tubaxe de fibrocemento, instalando nova tubaxe de fundición dúctil, ademais da renovación da capa de rodadura con asfalto en quente, mantendo a cota actual do pavimento. Renovarase tamén a sinalización horizontal.

Multimedia

  • Rubén Arroxo reuniuse coa Asociación de Empresarios de "O Ceao - As Gándaras"

Noticias relacionadas