Concello e Deputación destinan 72.600€ a melloras viarias en Castelo a través do Plan Único

A Alcaldesa, o voceiro municipal, o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas e o Presidente provincial mantiveron un encontro con veciños e veciñas do núcleo lucense no que lles avanzaron esta actuación e escoitaron as súas demandas

Martes, 12 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación destinan 72.600€ a melloras viarias en Castelo a través do Plan Único

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, mantiveron este martes un encontro con veciños e veciñas de Castelo durante o que fixeron unha visita pola zona na que escoitaron as súas demandas, necesidades e inquietudes, ao tempo que lles avanzaron actuacións de mellora de servizos que levará a cabo neste núcleo o Concello en colaboración coa Deputación.

Méndez informou aos participantes no percorrido que a través do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos investiranse 72.600€ en melloras viarias en Castelo, consistentes no asfaltado da vía que discorre paralela á estrada da Fonsagrada e da pista que conduce ata a igrexa. No primeiro tramo tamén se colocará unha barreira de seguridade no terraplén existente nun dos laterais.

Grazas ao Plan Único 2018, acometeranse ademais outras oito actuacións de mellora en estradas do concello, ademais do acondicionamento de dous locais sociais no rural e a humanización da rúa Ramón Montenegro. O investimento total é de 538.930€, entre a achega da Deputación, de 500.000€, e a do Concello, de 38.930.

A Alcaldesa e o Presidente provincial lembraron que, froito da colaboración entre ambas entidades, tamén é a iluminación do Paseo do Rato, que, cun orzamento de 1,4M€, actualmente en execución. Así mesmo, a Deputación tamén prevé destinar 600.000€ ao acondicionamento dun carril bici no parque do Rato.

A Alcaldesa enmarcou este encontro cos veciños e veciñas de Castelo na súa vontade política de manter un contacto directo coa cidadanía para coñecer as súas necesidades, tomándolle deste xeito o pulso á situación dos barrios e do conxunto do municipio de primeira man, e tamén para explicarlle á veciñanza as próximas actuacións do Goberno.

Noticias relacionadas