Concello e Asociación de Autónomas danlle un novo pulo ao comercio lugués coa iniciativa Lugo vístese de primavera

Ana Prieto, Marta López e María José Iglesias presentaron a iniciativa, que terá lugar o 13 de maio dende as 17:30 horas no Vello Cárcere, a onde se achegará o mellor da moda, complementos, calzado ou bisutería

Luns, 08 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Asociación de Autónomas danlle un novo pulo ao comercio lugués coa iniciativa Lugo vístese de primavera

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a presidenta e a secretaria da Asociación de Autónomas, Marta López e María José Iglesias, respectivamente, presentaron este luns a iniciativa Lugo vístese de primavera, que se celebrará o 13 de maio no Vello Cárcere. Trátase dunha actividade organizada polo Concello en colaboración coa Asociación de Autónomas de Lugo, que ten a finalidade de reactivar o comercio lucense. Nela participan ao redor dunhas noventa tendas da cidade.

Na presentación, Ana Prieto explicou que “dado o éxito da iniciativa de Comercio na rúa-Street Market, que se leva realizando dende fai uns anos, poñemos en marcha esta nova iniciativa, que busca dinamizar o comercio de Lugo cun desfile de moda, un concerto e unha exposición”.

Pola súa banda, Marta López agradeceu ao Concello que leve a cabo este tipo de eventos, animando a toda a cidadanía a que se acheguen ata o Vello Cárcere, xa que esta iniciativa tamén pretende dar a coñecer o recinto deste edificio.

Actividades
O evento comezará ás 17:30 horas, coa apertura de portas. Posteriormente ás 18:30 horas, celebrarase o desfile de moda, no que participarán unhas vinte tendas de Lugo. Ás 20:30 horas, terá lugar o concerto de En clave de fado. Tamén haberá unha zona infantil, sorteos e outras sorpresas.

Multimedia

  • Concello e Asociación de Autónomas danlle un novo pulo ao comercio lugués coa iniciativa Lugo vístese de primavera

Noticias relacionadas