Concello e Anade dan resposta á inquietude cultural das persoas con discapacidade ou con algunha enfermidade mental

González Abelleira e a representante de ANADE en Lugo presentaron a segunda edición da Semana Cultural para Persoas con Discapacidade en Lugo 2015, que arrancará o vindeiro venres

A programación inclúe teatro, lectura de contos, proxeccións de películas e unha exposición, no centro sociocultural Fingoi, no Concello, no local Uxío Novoneyra e na Praza Anxo Fernández Gómez, respectivamente

Martes, 01 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación da segunda edición da Semana Cultural para Persoas con Discapacidade en Lugo 2015

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e a representante da Fundación ANADE en Lugo, Ángeles Fernández, presentaron este martes no Salón de Plenos a segunda edición da Semana Cultural para Persoas con Discapacidade en Lugo 2015 que arrancará o vindeiro venres, 4 de decembro. O Concello colabora con este colectivo cunha achega económica de 2.500 euros, posto que se enmarca na súa aposta polo traballo dos colectivos sociais e no seu compromiso de axudar a entidades en materia de dependencia.
“O Concello seguirá facendo o esforzo necesario para lograr unha igualdade real e universal das persoas con algunha discapacidade”, subliñou a edil durante a presentación do acto, quen tamén puxo en valor a “inmensa” labor social que leva a cabo ANADE, un colectivo referente na loita en favor da integración. Neste senso, a edil remarcou que “o benestar social é xunto ao emprego o piar fundamental da nosa acción de Goberno, e apoiar e potenciar actividades que fomenten a integración das persoas con discapacidade unha das nosas principais preocupacións”.
Pola súa banda, Fernández agradeceu a “imprescindible” colaboración do Concello para levar a cabo esta Semana Cultural ao tempo que convidou a todos os lucenses a participar tanto nestas actividades como a asistir á Gala anual de entrega de premios a persoas que se distinguen pola súa labor a favor das persoas con discapacidade ou con algunha enfermidade, que se celebrará o vindeiro 11 de decembro.

Programación

A Semana Cultural para Persoas con Discapacidade en Lugo 2015 ten como meta ofrecer un lugar onde as persoas con discapacidade ou con algunha enfermidade mental poidan dar saída á súa inquietude cultural así como integrar socialmente a este colectivo de persoas, empregando como medio para elo o mundo da cultura. A programación inclúe a representación da obra A Ola de Ouro a cargo do grupo de Pinchacarneiro de Lugo no centro sociocultural Fingoi o día 4 de decembro, ás 20:00 horas; así como a lectura dos contos premiados no certame de contos escritos por persoas con discapacidade ou enfermidade mental Fundación ANADE o día 16 de decembro, ás 18:00 horas, no Concello. A programación complétase coa proxección de 3 das películas gañadoras no festival de cine sobre a discapacidade no centro sociocultural Uxío Novoneyra os días 16, 17 e 18 de decembro, ás 19:00 horas. Estes mesmos días, na carpa situada na Praza Anxo Fernández Gómez e paralelamente ao mercado solidario Diversiarte, exporanse as mellores obras presentadas ao III Premio de Artes Plásticas realizadas por persoas con discapacidade organizadas por ANADE.

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre a segunda edición da Semana Cultural para Persoas con Discapacidade en Lugo 2015 |Descargar mp3

Noticias relacionadas