Concello de Lugo e CHMS impulsan o Plan Paradai co inicio das obras en Serra de Meira a finais do mes de xuño

A alcaldesa e o presidente do Organismo da Cunca asinaron esta mañá as actas de ocupación necesaria para o proxecto, un trámite que supón a xuízo de ambos “un gran avance no desenvolvemento urbanístico da zona”.

Os traballos, que acometerá a empresa Taboada e Ramos, darán por fin unha solución para reducir o risco de inundacións do río Rato nesta contorna.

As obras enmárcanse no convenio de colaboración acordado por ambas institucións, que hoxe deron un paso adiante para acadar este obxectivo estratéxico para o Goberno local.

Mércores, 29 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello de Lugo e CHMS impulsan o Plan Paradai co inicio das obras en Serra de Meira a finais do mes de xuño

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá as actas de ocupación na rúa Serra de Meira para comezar a finais do mes de xuño as obras coas que atallarán as crecidas no Rato nesta contorna. Isto supón a xuízo de ambos “impulsar o Plan Paradai e dar un gran paso no que suporá o desenvolvemento urbanístico da zona, ademais de aportar unha solución para reducir o risco de inundacións deste río nas inmediacións da glorieta”.

Paula Alvarellos valorou “moi positivamente a colaboración de ambas institucións para, por unha banda, contribuír ao crecemento urbanístico de Paradai, avanzando na evolución dunha cidade sostible e ben comunicada, e por outra, evitar coas obras que haxa crecidas no Rato en prol da consecución do que é un obxectivo estratéxico para o Goberno local”.

Pola súa banda, o presidente da CHMS sinalou que “a sinatura do contrato coa empresa que executará os traballos, Taboada e Ramos, está prevista para a vindeira semana, coa idea de comezar as obras o máis rápido posible, seguramente a inicios do verán”.

Estes llabores enmárcanse no convenio de colaboración entre a CHMS e o Concello de Lugo, cun investimento que supera o medio millón de euros e que será sufragado nun 75 por cento pola Organismo da Cunca e no 25 por cento restante pola administración municipal.

Obras e superficies

As expropiacións afectan a cinco terreos, cunha superficie total de 1.335,99 metros cadrados, dos que 329’88 se afectarán de forma permanente mentres que os 867’61 metros cadrados restantes se ocuparán de xeito temporal para a realización das obras coas que se atallará o risco de inundación do Rato.  

A intervención consistirà na limpeza, adecuación e ampliación do leito nunha anchura duns dous metros, co obxectivo de incrementar a súa capacidade de desaugadoiro nun tramo de 165 metros, augas arriba do emboque do soterramento do río Rato, ao seu paso pola glorieta da rúa Serra Meira.

Tal e como explicou no seu día a CHMS, entre outras actuacións, está prevista a demolición do muro actualmente existente na marxe dereita do río, desmontando previamente a cantería que o recubre, que será reutilizada para a execución dun novo tramo de muro desprazado dous metros con respecto á posición do actual.

Audios

 

Multimedia

  • Concello de Lugo e CHMS impulsan o Plan Paradai co inicio das obras en Serra de Meira a finais do mes de xuño
  • Concello de Lugo e CHMS impulsan o Plan Paradai co inicio das obras en Serra de Meira a finais do mes de xuño

Noticias relacionadas