O executivo de Lara Méndez convida a participar nesta actividade coa que se quere concienciar de vivir un Entroido libre de roles e estereotipos machistas.
A actividade celebrarase desde o luns, 13, ao 16 de febreiro no centro Paco Martín.

O executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Muller e Igualdade toma a Palabra do Ano 2022, "Comadre", como base para desenvolver unha actividade para vivir un Entroido libre de roles e estereotipos machistas. Trátase dun taller de convivencia interxeracional na que mulleres de diferentes idades e ámbitos colaborarán na elaboración festiva de disfraces non sexistas.
Celebrarse do luns 13 ao xoves 16 de febreiro, das 16.30 ás 18.30 horas, no centro social interxeracional Paco Martín. O “Xoves de Comadres” rematarase cunha chocolatada e doces propios do Entroido para as participantes. A alcaldesa lucense e a concelleira Silvia Alonso, animan á veciñanza a participar.
O Dicionario da Real Academia Galega define comadre nas acepcións relacionadas co parentesco, pero na fala popular esta voz refírese tamén á veciña ou á amiga na que se ten especial confianza. Con este último significado, que lembra as mozas e vellas que se prestan apoio para faceren fronte aos contextos adversos e que se fan tamén compaña nos bos momentos da vida, vén empregándose dende hai moito tempo.
Bebendo deste herdo tradicional, o Concello reivindica un Entroido dende o feminismo consciente como un xeito de se referir a aquelas que practican a sororidade, a solidariedade entre mulleres.