A concellería de Medio Rural acomete, nestes momentos, a mellora dunha decena de estradas do municipio

Os traballos atenden, segundo sinalou o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, “ás demandas que nos traslada a veciñanza e cos que pretendemos incrementar a súa seguridade e calidade de vida e fixar poboación”.

O edil anunciou tamén que o Plan Anual de Roza arrincará a mediados de xuño de xeito simultáneo nas 4 zonas nas que se dividiu o concello.

Venres, 13 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Medio Rural acomete, nestes momentos, a mellora dunha decena de estradas do municipio

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, deu conta hoxe dun balance das obras que, nestes momentos, se atopan en execución nas diferentes parroquias do termo municipal.

Actuacións relacionadas co mantemento da rede viaria, que en Lugo suma un total de 1.000 km de pistas, na que actualmente se están acometendo tarefas de rexeneración de firmes e arranxo de fochancas que asume a brigada desta área, composta por catro operarios, dous condutores e un palista e que goza tamén do apoio do persoal e da maquinaria do Parque Móbil.

“Esta semana o operativo atópase traballando na parroquia de San Pedro de Mera, logo de acondicionar as estradas de Coeses, Rubiás e Romeán onde as intervencións se centraron, fundamentalmente, na reparación de foxos pero nas que, de maneira ordinaria, se leva a cabo un mantemento continuado que inclúe a colocación de tubaxes e canalizacións de auga, bases para colectores de lixo, espellos ou sinais así como a roza dos camiños á que se destinan dous tractores”, referiu o edil.

Miguel Fernández referiu tamén que, paralelamente, a concellería de Medio Rural ten en vigor dous contratos a través dos cales se está executar a renovación integral do firme das vías da parroquia de Santa María Alta, así como doutra de Vilachá de Mera ao tempo que anunciou que xa deu comezo o aglomerado en quente da estrada de Conturiz a Cardoso (nas parroquias de Santo André de Castro e San Mamede dos Anxos), da N-540 á estrada de Bazar e da N-540 ao núcleo de O Corral de Abaixo, na parroquia de Calde, así como doutra estrada en Poutomillos á que sucederá a prevista na N-640 a Pedreda.

“De inmediato abordaremos tamén as melloras comprometidas para a LU-P-2903 ao Rego do Mera (na parroquia de Vilachá de Mera) e para a estrada municipal da LU-P-2903 a Prógalo”, sostivo o tenente de alcaldesa.

En canto á limpeza da maleza, o responsable da área anunciou o seu inicio para mediados do vindeiro mes de xuño conforme ao Plan de Roza Anual establecido polo servizo e no que se contempla o seu desenvolvemento simultáneo nas catro zonas nas que foi dividido o municipio (Norte, Sur, Leste e Oeste) “para atender, en tempo e forma as necesidades da veciñanza”, indicou.

“A nosa pretensión é sempre darlle cobertura, o máis axiña posible, a todas aquelas demandas que nos traslada a cidadanía, a pesar da dispersión demográfica do noso territorio. Especialmente aquelas que son de titularidade local, pero tamén facernos eco daqueloutras que lles competen ao resto de Administracións, como pode ser o caso da mellora da cobertura de telefonía e do Internet, para as que non só tomamos a iniciativa de interceder ante o organismo correspondente, dando conta das eivas e instando a corrixilas, senón tamén facendo un seguimento da súa evolución”, afirmou Fernández quen aludiu, alén, a que os traballos anteriormente referidos responden ás peticións veciñais e se enmarcan na aposta decidida do Concello por mellorar a calidade de vida das persoas residentes no rural e para fixar poboación.

Multimedia

  • A concellería de Medio Rural acomete, nestes momentos, a mellora dunha decena de estradas do municipio

Noticias relacionadas