A Concellería de Medio Ambiente comeza a súa campaña de sensibilización sobre a reciclaxe

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, dende a súa Concellería de Medio Ambiente, comeza a súa campaña de sensibilización a favor da reciclaxe. Baixo o lema “Nas túas mans está a peza que falta. Separar para reciclar”, ponse en marcha unha iniciativa que pretende potenciar a reciclaxe de envases de plástico, latas e bricks, para a que aínda existe pouca colaboración cidadá.

O Concello conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente e de Ecoembes neste traballo de sensibilización social, para o que se repartirá material divulgativo sobre este tema. Os agasallos, que comezaron a repartirse hoxe e que seguirán entregándose ó longo da semana, consisten en bolsas e camisetas que serán distribuídas en supermercados, superficies comerciais, prazas, mercados e lugares públicos.

A campaña tivo un custo de 7.000 euros financiados cos cartos obtidos da reciclaxe de envsases realizada pola Xunta de Galicia e por Ecoembes.

Na actualidade, o Concello de Lugo instalou 700 colectores amarelos cunha capacidade de 800 litros cada un. Paulatinamente serán substituídos por 450 novos con espazo para recoller 2.400 litros de lixo, duplicando así a capacidade ofrecida.

Neste momento Lugo é unha das cidades punteiras de Galicia no referente á reciclaxe de pilas, esta campaña pretende que a cidade sexa lider no tratamento de todo tipo de residuos.

Noticias relacionadas