A concellería de Educación amplía o prazo de solicitude das axudas para libros de texto e material escolar

As solicitudes poderán presentarse até o 16 de setembro

Felipe Rivas: “a ampliación do prazo non terá repercusións no tempo de adxudicación porque abrimos os prazos con máis antelación que en anos anteriores”

Mércores, 26 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Educación amplía o prazo de solicitude das axudas para libros de texto e material escolar

O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, anunciou que o prazo para solicitar as axudas para libros de texto e material escolar para familias con escasos recursos no segundo ciclo de educación infantil para o curso 2020-2021 se amplía ata o 16 de setembro.

“Para permitir que todas as familias que desexen solicitar esta axuda poidan facelo, desde a concellería de educación decidimos ampliar o prazo de presentación”, afirmou Felipe Rivas, que engadiu “isto non suporá atrasos na adxudicación nin no pago porque para este curso iniciamos o proceso con máis antelación que en anos anteriores”.

Felipe Rivas informou que dende a concellería de Educación se repartirán un total de 40.000€ en axudas individuais de 100€ a persoas que estean empadroadas en Lugo, para investir nas librerías do concello en libros de texto e material escolar para os alumnos e alumnas matriculadas en centros sostidos con fondos públicos. As axudas adxudicaranse aos solicitantes cuxa renda familiar non supere 0.66 veces o IPREM, sendo o único criterio a contía da renda de menor a maior. No caso de non cubrirse todas as solicitudes, continuaranse adxudicando ás beneficiarias cuxa renda familiar anual non supere  0.80 veces o IPREM.

O concelleiro de Educación indicou que para realizar as solicitudes as persoas interesadas deberán presentar a solicitude e a documentación requirida no rexistro do Concello, preferentemente por vía telemática ou de xeito presencial no concello, solicitando cita previa no 010 ou noutras administracións.

Noticias relacionadas