
Por primeira vez un oficial do Corpo da Policía Local de Lugo desprazouse á Escola de Tráfico da Garda Civil na cidade de Mérida para asistir a un curso de especialización sobre Tráfico, Seguridade viaria e Transportes nun módulo específico para ao detección de drogas na condución, impartido por este centro de ensino entre o 13 e o 17 de xuño de 2022.
O curso dividiuse nos seguintes apartados xurídicos:
- Dereito administrativo de Seguridade viaria
- Dereito Administrativo do Transporte
- Dereito Procesual Penal
- Dereito Penal da Circulación
- Alcoholemia e Drogas
A partir de agora a Policía Local de Lugo conta cun especialista nesta materia que asesorará aos grupos operativos nos que se estructura o Corpo.
Control de velocidade e probas de alcoholemia
Durante o día de onte por parte de efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio estableceuse un control de velocidade na Avenida de Madrid no que se controlou a 605 vehículos e formulando denuncia a 15 condutores por exceso de velocidade, sendo a máis elevada de 95 km/h, cando a vía está limitada a 50 km/h, o que supón para o condutor unha sanción de 500 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.
Así mesmo interceptouse un condutor nun filtro de seguridade viaria establecido de madrugada na rúa Vilalba que presentaba signos de embriaguez e que despois de ser sometido ás probas de detección alcohólica lanzou un resultado POSITIVO de 0,59 mg/l, polo que se abre expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.