Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 28 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio á cidadanía

Ás 10:15 horas do día 27 de decembro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da Rolda Valle Inclán, xa que no interior dunha vivenda caera unha persoa de avanzada idade. Os axentes comproban que unha señora de 75 anos caera e era incapaz de levantarse e tampouco podía facelo a súa coidadora, polo que se procede a incorporala, manifestando que non sufriu dano algún e que rexeita asistencia médica, finalizando o servizo sen outra novidade.

Ás 20:40 horas do mesmo día unha patrulla de Policía Local acode a un edificio de Camiño da Vía xa que unha persoa caera no interior do seu domicilio e era incapaz de levantarse. Os axentes comproban que unha señora de 77 anos escorregouse da cadeira de rodas, quedando sentada no chan da cociña, non sendo capaz a persoa que a acompañaba de incorporala, sendo os policías os que auxilian a esta persoa levantándoa do chan e logrando sentala novamente na cadeira de rodas, manifestando que non sufrira dano algún, rexeitando asistencia médica e agradecendo a axuda dos axentes.

Intervención nun local de hostalería por alteración da orde pública

Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo tivo que intervir, sobre as 16:00 horas do día de onte nun local de hostalería da zona norte da cidade xa que a súa propietaria estaba a ser insultada por un home. Os axentes son recibidos pola requirente manifestando que un home entrara no seu negocio proferindo insultos graves contra ela, descoñecendo o motivo, desexando denunciar estes feitos.

Os policías localizan a esta persoa, que xa non se atopaba no interior do establecemento, procedendo á súa identificación e observando que presenta signos de embriaguez, negando estas acusacións. Levántase acta de intervención á espera de que se formule a correspondente denuncia.

Ruídos en interior de vivenda

Sobre as 00:30 horas do día 28 de decembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode a un edificio da Rolda das Fontiñas xa que os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen dunha vivenda. Os axentes comproban como se escoita música en ton moi elevado perturbando o descanso da veciñanza, procedendo á identificación do responsable, manifestando que está a celebrar un aniversario e que non era consciente das molestias ocasionadas, sendo requirido para que cesen, o que fai ao instante, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Noticias relacionadas