
Control de establecementos
Dispositivo conxunto Policía Local e Policía Nacional
Durante a noite do venres ao sábado, varios indicativos da Policía Local e Policía Nacional procederon a levar a cabo un operativo previamente planificado, durante o cal se procedeu á inspección de varios locais de hostalería, un deles na rúa Milagrosa e o outro na rúa Luís Seoane.
No establecemento da rúa Milagrosa, onde se procedeu á filiación de oito persoas, detectáronse as seguintes infraccións:
- Dous extintores coa data de revisión caducada do ano 2023. Infracción á Lei de Emprendemento Económico de Galicia.
- Falta de carteis relativos ao local, follas de reclamación, prohibición de fumar, prohibición de venda de alcol a menores, etc. Infracción á Lei de Espectáculos Públicos e Actividades de Galicia.
- Non ter contratado seguro de actividade. Infracción á Lei de Espectáculos de Galicia.
- Acta de intervención de droga (cocaína), con denuncia por presunta infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.
- Acta de intervención de arma branca (navalla), con denuncia por presunta infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.
No establecemento da rúa Luís Seoane, onde se procedeu á filiación de 4 persoas, detectáronse as seguintes infraccións:
- Falta de carteis relativos ao local, follas de reclamación, prohibición de fumar, prohibición de venda de alcol a menores, etc. Infracción á Lei de Espectáculos Públicos e Actividades de Galicia.
- Falta de botiquín. Infracción á Lei de Emprendemento Económico de Galicia.
- Non ter contratado seguro de actividade. Infracción á Lei de Espectáculos de Galicia.
Sendo as 5:35 horas, observan que un local situado na rúa Amor Meilán, atópase en funcionamento, con clientes efectuando consumicións no interior. Os axentes tamén comproban que dúuas das tres persianas metálicas que conforman a sáida do establecemento atópanse completamente pechadas, estando a terceira parcialmente baixada, o que obrigaba os clientes a axeonllarse para poder saír.
Por todo iso, os axentes levantaron acta - denuncia por unha infracción á Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, por exceder o horario máximo de peche e por infracción á Lei de Emprendemento de Galicia, por incumprir as medidas de seguridade necesarias, dado o risco que supón o desenvolvemento da actividade coas persianas no estado descrito.
Levantouse acta tamén, por exceder o horario máximo de peche, a un local da rúa Manuel María, que se atopaba con actividade e clientes no seu interior, sendo as 5:00 horas.
Procedeuse tamén á inspección de tres locais de lecer nocturno da rúa Marina Española, onde se procedeu á filiación de 28 persoas, documentando as seguintes infraccións:
- 2 actas de incautación de droga (cocaína), con denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.
- 1 acta - denuncia por falta de respecto aos axentes da autoridade.
Presunta subtracción de teléfono e carteira
Ás 4:00 horas do venres, cando un indicativo do Grupo Operativo Nocturno realizaba patrulla preventiva pola rúa Catedral, foron requiridos por varios mozos, xa que unha muller do grupo dicía que lle subtraeran o teléfono móbil e que, segundo a súa ubicación, atopábase nas inmediacións, achegando unha descrición completa dos dous homes que, ao seu xuízo, eran os autores da citada subtracción.
Os axentes localizan aos homes descritos, procedendo á súa identificación e cacheo, sen atopar o teléfono móbil en poder deles. Nese momento, outra moza require aos axentes pola subtracción da carteira con diñeiro, documentación e tarxeta bancaria, identificando tamén aos dous mozos como presuntos autores da mesma, anque tampouco lles foi atopada a carteira.
Finalmente, tras realizar unha inspección da zona, os axentes conseguiron localizar o teléfono móbil nunha vivenda abandonada das inmediacións onde, segundo varios testemuños, os homes identificados permaneceran sentados momentos antes. Todas as partes afectadas foron informadas do procedemento a seguir para formalizar denuncia polos feitos.
Intervención de droga
Ás 3:50 horas do mesmo día, outra patrulla do Grupo Operativo Nocturno que realizaba patrulla preventiva pola mesma zona, observa como un mozo prepara un “cigarro” con algo que parece ser unha substancia estupefaciente, polo que proceden ao seu cacheo, incautándolle unha cantidade dunha substancia, presumiblemente haxix, polo que se confecciona acta por unha presunta infracción á Lei de Protección de Seguridade Cidadá, por consumo / posesión de drogas na vía pública.

