Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 23 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Sobre as 16:25 horas do día 20 de novembro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio abandonado da Rolda da Muralla xa que ao parecer había unha persoa tirada nunha terraza, que se podía caer desde unha vivenda do edificio.

Os axentes ao chegar ao lugar observan nas proximidades da casa un home reclinado contra a parede da mesma, observando que presentaba un golpe na cabeza, sangrando por unha ferida na fronte, manifestando aos axentes que tentara entrar nesa casa para “cargar o móbil” e caeuse á terraza, practicándolle os primeiros auxilios e requirindo unha ambulancia do 061 para o seu traslado ao HULA.

Os axentes realizan as investigacións oportunas entrevistándose coa requirente do servizo, a cal lles manifesta que cando estaba na súa vivenda dun edificio adxacente a este inmoble, escoitou un forte golpe que viña da terraza, foi á xanela da súa vivenda e puido ver como un home atopábase tirado no chan. Os axentes realizan unha inspección ocular observando que a porta de entrada ao inmoble ábrese con facilidade, tan só empuxándoa, podendo observar que a pechadura da mesma presenta danos.

Inspecciónanse todas as plantas do edificio, detectando que a xanela do recibidor do segundo piso atopábase fracturada e no chan achábase un bolso (riñonera) cun DNI, carteira, cargador de móbil e outros efectos persoais da persoa precipitada.

Ao parecer este home o que pretendía era acceder á terraza do primeiro e desde alí acceder a outras vivendas habitadas que lindan coa casa abandonada, por iso fracturou unha xanela do segundo piso, xa que desde o primeiro non puido acceder á terraza, descolgándose do segundo á terraza do primeiro, caendo e causándose as feridas que se citan.

O home de 34 anos, sen domicilio fixo, ingresou inicialmente na unidade de críticos do HULA pero a día de hoxe xa ten a alta médica, instruíndose dilixencias para o Xulgado de Garda.

Noticias relacionadas