Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 18 ao 20 de outubro.

Luns, 21 de outubro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Altercado en establecemento público e detención por reclamación xudicial

A madrugada do día 19 varias patrullas do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo son alertadas pola Sala do 092 para que se trasladen a un local de hostalería da zona da Milagrosa xa que ao parecer estábase producindo unha liorta no seu interior.

Acudidos de inmediato os axentes observan como dous grupos de persoas están enfrontados entre si, procedendo  a acougar a situación e identificar a todos os participantes, manifestando a propietaria do establecemento que uno dos identificados foi o que orixinou o altercado ao proferir insultos contra a súa persoa, á vez que dous amigos seus compareceron para defendela, momento que se orixinou a rifa que foi sufocada coa presenza dos policías.

Unha vez que se identificou a todos os implicados compróbase, a través das bases de datos policiais, que sobre un deles (un dos amigos da propietaria), consta unha Reclamación Xudicial de Procura e Detención, emanada dun Xulgado de Madrid, polo que se procede á súa detención e traslado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado correspondente.

Accidentes de circulación

Na tarde do día 19, un equipo de Atesados desprázase á Rolda de Fingoi xa que se produciu un accidente de circulación no que un vehículo ten unha saída de vía, comprobando que a condutora perdera o control do mesmo, virando 180 graos, desprazándose marcha atrás e subíndose por encima da mediana ata finalmente deterse o vehículo, unha vez que percorreu uns 20 metros. A condutora non sufriu lesións e lanzou resultado negativo nas probas de alcoholemia ás que foi sometida. (foto)

Esa mesma madrugada, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo desprázase á rúa Agricultura, xa que ao parecer produciuse un accidente de circulación no que estaba implicado un patinete eléctrico, comprobando que se trataba dunha saída de vía, identificando á condutora que presentaba sangue na cara, manifestando que descoñece o motivo polo cal se caeu, non lembrando nada máis, sendo auxiliada polos axentes, requirindo a presenza dunha ambulancia do 061 na que foi trasladada ao HULA, acompañada por un familiar.

Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo levanta acta e abre expediente a un condutor por condución temeraria ao causar danos a cables de fluído eléctrico na rúa Ourense e abandonar o lugar sen achegar datos. Foi localizado posteriormente e sancionado con 500 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Na rúa Mondoñedo un vehículo estacionado ponse en movemento, ao non deixar o seu condutor accionado nin o freo de man nin a marcha, chocando contra dous contedores, ausentándose do lugar. Foi posteriormente localizado e identificado, levantándose acta polos danos causados e tramitándose expediente sancionador por non comunicar o incidente.

Campaña especial de control de velocidade

Durante esta fin de semana realizáronse diversos controis de velocidade en vías do centro urbano, onde se detecta un incremento do número de accidentes, cuxa limitación é de 50 km/h.,  co seguinte balance:

  • Vehículos controlados: 949.
  • Vehículos denunciados: 118.
  • Velocidades máximas detectadas: 110 km/h e 94 km/h.
  • O condutor detectado a 110 km/h foi sancionado por infracción moi grave con 600 euros e a retirada de 6 puntos e o de 94 km/h, por infracción grave, con 500 euros e a retirada de 6 puntos.

Axuda humanitaria

Patrullas da Policía Local de Lugo realizaron durante a fin de semana diversas intervencións de auxilio a cidadáns, destacando:

  • Auxíliase a unha muller que se atopa tendida na beirarrúa da Rolda da Muralla, que está consciente e explica aos axentes que escorregou caendo ao chan, requirindo a presenza dunha ambulancia para o seu traslado ao HULA.
  • Na rúa Mondoñedo detéctase a presenza dun home que está a durmir na beirarrúa, presentando signos de consumir algunha substancia estupefaciente, sendo auxiliado, requirindo a presenza dunha ambulancia que o traslada ao HULA.
  • Nun edificio da zona norte da cidade unha patrulla acode a unha vivenda xa que unha veciña escoita pedir auxilio, presentándose de inmediato os axentes que coa axuda dunha dotación de Bombeiros acceden ao interior do domicilio, descubrindo a unha muller tirada na cociña sobre un charco de sangue pola ferida que se ocasionou ao caer ao chan de forma fortuíta, sendo auxiliada por unha dotación do 061, trasladándoa ao HULA en compañía dos seus familiares.
  • Na avenida de Ramón Ferreiro auxíliase a un home que se atopa indisposto, ao presentar unha forte dor de estómago acompañado de vómitos e mareos, requirindo a presenza dunha ambulancia que o traslada ao HULA.

Altercado en vía pública

A madrugada do día 20, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, de servizo pola Rúa Nova, observa que varias persoas están a discutir a berros, comprobando que se trataba dun altercado entre un grupo de mozos e un home e unha muller, pescudando que o grupo lles había bloqueado o paso xa que a moza estaba a ouriñar na vía pública, procedendo á identificación dos participantes, confeccionado o correspondente parte de intervención, á espera de presentación dalgunha denuncia.

Venda ambulante non autorizada

A mañá do venres, unha patrulla da Policía Local de Lugo, de servizo no parque da Milagrosa, con ocasión do mercadillo semanal, sorprendeu a dúas mulleres ocupando o espazo publico para a venda ambulante non autorizada, levantándose acta de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, propoñéndose sanción a cada un deles de 600 euros. Unha delas foi conducida a dependencias policiais para a súa identificación ao non presentar documentación algunha.

Noticias relacionadas