
Durante a semana do 2 ao 8 de xuño, no marco habitual de prevención e protección da seguridade viaria, instruíronse diversas dilixencias por delitos e condutas graves contra o tráfico, froito do labor de vixilancia constante que se realiza na cidade por parte dos nosos axentes.
Condutor de VMP con negativa ás probas de alcoholemia
Un dos casos máis destacados produciuse cando unha patrulla observou un condutor de VMP circulando mentres falaba polo teléfono. Ao darlle o alto, os axentes detectaron síntomas claros de intoxicación etílica. Por este motivo foi requirido para someterse ás probas regulamentariamente establecidas, nas que o condutor interferiu intencionadamente ata en oito ocasións coa intención de alterar a taxa do etilómetro. Esta conduta constitúe unha infracción por negativa a someterse ás probas de alcoholemia, ademais de ser denunciado por conducir utilizando manualmente un teléfono móbil.
Conducións sen permiso
Dous condutores foron interceptados esta semana cando circulaban sen permiso de condución. En ambos casos, os axentes iniciaron dilixencias por delito contra a seguridade viaria. Estes feitos poñen de manifesto a necesidade de manter os controis preventivos, xa que este tipo de condutas supoñen un grave risco para todos os usuarios da vía.
Alcol e drogas ao volante
- Noutro caso, un condutor foi sorprendido circulando baixo os efectos do alcohol cos seus tres fillos menores como ocupantes do vehículo, o que reviste especial gravidade.
- Así mesmo, detectouse un condutor positivo en alcohol e en drogas (THC), que ademais circulaba co seu permiso de condución sen vixencia.
- Rexistráronse ademais varias alcolemias administrativas en distintos controis, destacando un caso onde o condutor impactou contra outro vehículo ao saír do estacionamento en estado de embriaguez.
- A Policía de Barrio, dentro dos seus servizos diarios de vixilancia, tamén detectou catro positivos máis en alcoholemia, que foron tramitados pola vía administrativa.
Protección e axuda á cidadanía
Ademais das intervencións viarias, os axentes da Policía Local atenderon varias situacións de carácter asistencial que reflicten a nosa vocación de servizo próximo ás persoas:
Emerxencia SOS en dispositivo móbi
Activouse un dispositivo de resposta tras recibir unha alerta SOS automática dun teléfono móbil. Afortunadamente, tras as comprobacións, constatouse que non existía situación de risco, tratándose dun fallo do dispositivo. A actuación foi xestionada con profesionalidade e máxima prevención.
Axuda a unha nai con dúas menores
Unha muller acompañada das súas dúas fillas menores quedou sen aloxamento tras chegar a Lugo. Os axentes xestionaron a súa acollida no Fogar do Transeúnte, garantindo a súa protección e atención nun momento de especial vulnerabilidade.
Asistencia a persoa caída no domicilio
Interviuse nun domicilio onde un home de avanzada idade sufrira unha caída, axudándoo a incorporarse con seguridade e tranquilidade.
A Xefatura da Policía Local de Lugo quere poñer en valor o traballo dos axentes que, día a día, constrúen unha cidade máis segura e máis próxima. O esforzo constante na prevención de accidentes e condutas de risco, así como a rápida actuación en casos de gravidade, amosan a sensibilidade presente nas actuacións asistenciais.

