Servizos destacados durante a fin de semana do 4 ao 6 de abril.

Vixilancia para unha mobilidade máis segura en Lugo
Durante os últimos días, reforzáronse os controis en distintos puntos do termo municipal co fin de detectar aquelas condutas ao volante que comprometen a seguridade dos usuarios da vía pública. Estes dispositivos preventivos buscan xerar unha conciencia real de respecto e responsabilidade ao volante.
Froito desta vixilancia, detectáronse 11 casos de alcoholemia positiva no ámbito administrativo, e 5 positivos en consumo de drogas (hachís e cocaína), destacando que ademais das 16 intervencións administrativas, confeccionáronse as correspondentes dilixencias penais de 4 intervencións xudiciais, 1 alcoholemia contra un condutor con taxa de 0,71 mg/l en aire expirado, 1 negativa por non someterse ás probas de alcol establecidas, 1 perda de vixencia por carecer de puntos e 1 sen permiso por non obter nunca.
- Alcol con taxa inferior a 0,50 mg/l
- Total: 9 denuncias
- Sanción: 500 € e retirada de 4 puntos
- Taxas rexistradas: 0,30 / 0,36 / 0,42 / 0,26 / 0,64 / 0,37 / 0,44 / 0,30 / 0,31 mg/l
- Alcol con taxa superior a 0,50 mg/l
- Total: 2 denuncias
- Sanción: 1.000 € e retirada de 6 puntos (salvo VMP)
- Taxas rexistradas: 0,52 / 0,51
Presenza de drogas no organismo:
- Total: 5 denuncias
- Sanción: 1.000 € e 6 puntos
Casos:
- COC
- THC - 6 puntos
- COC + THC - 6 puntos
- COC + THC - 6 puntos
- COC
A Policía Local de Lugo insiste en protexer a quen si cumpren as normas e queren convivir nunha cidade máis segura. O noso traballo é estar presentes, detectar a quen pon en perigo ao resto e lembrar que a mobilidade segura é responsabilidade de todos. Seguiremos traballando, con firmeza e compromiso, para evitar traxedias que si se poden previr.
Controis de tráfico
Durante a semana comprendida entre o 1 e o 6 de abril, a Policía Local de Lugo reforzou os seus controis preventivos en materia de tráfico e documentación de vehículos, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e evitar situacións de risco para condutores, pasaxeiros e peóns. Este labor, encadrada dentro das funcións habituais de seguridade e prevención, permitiu detectar numerosas irregularidades relacionadas co estado dos vehículos e a documentación obrigatoria para circular.
En total, identificáronse 46 vehículos que circulaban sen superar a Inspección Técnica de Vehículos (ITV) en condicións regulamentarias. Algunhas destas situacións correspondían a ITV caducadas e outras a inspeccións desfavorables sen emendar. Lembramos que a ITV non é un simple trámite, senón unha ferramenta clave para garantir que os vehículos manteñen unhas condicións técnicas que eviten fallos mecánicos que poidan desencadear accidentes.
Igualmente preocupante foi a detección de 17 vehículos que circulaban sen o seguro obrigatorio en vigor. O seguro é un requisito imprescindible, non só por ser esixido legalmente, senón porque garante cobertura en caso de accidente, tanto para as vítimas como para os propios implicados. Circular sen seguro implica deixar desprotexido ao conxunto da cidadanía ante calquera eventualidade, con consecuencias graves no económico, pero sobre todo no humano.
En materia de permisos e autorizacións administrativas, tramitáronse 7 actuacións vinculadas a irregularidades no permiso de condución. Estas situacións inclúen desde permisos caducados ou non trocados debidamente ata condución con licenzas non válidas para o tipo de vehículo utilizado. Este tipo de incumprimentos afectan directamente á seguridade viaria, xa que comprometen a idoneidade do condutor para circular, sendo a Administración a encargada de garantir que os condutores reúnan as condicións psicofísicas e legais necesarias.
Por último, tamén se detectaron 2 vehículos con pneumáticos en mal estado, unha circunstancia que, aínda que poida parecer menor, ten unha enorme influencia na capacidade de freado, o agarre do vehículo en calzada mollada e na capacidade de manobra en xeral. Os pneumáticos son o único punto de contacto entre o vehículo e a estrada, e o seu desgaste ou deterioración pode multiplicar o risco de accidentes, especialmente en condicións adversas.
Desde a Policía Local de Lugo insistimos en que a nosa vixilancia enmárcase dentro dunha estratexia preventiva para garantir a seguridade de todos. A circulación de vehículos en mal estado, sen documentación en regra ou sen seguro non só é unha infracción, senón unha ameaza real para a convivencia e a seguridade nas nosas rúas.
Asistencia social e atención a persoas en situación de vulnerabilidade
A Policía Local de Lugo reforza o seu labor asistencial con intervencións en auxilio á cidadanía
Durante os últimos días, a Policía Local de Lugo levou a cabo diversas intervencións de carácter humanitario, orientadas a prestar auxilio en situacións de urxencia ou vulnerabilidade, reafirmando así o seu compromiso coa seguridade e o benestar dos veciños e veciñas do municipio.
Atención a persoa evacuada e custodia da súa mascota
A requirimento do servizo de emerxencias 112, unha patrulla da Policía Local interveu nun domicilio onde unha muller fora evacuada de urxencia ao HULA. A persoa afectada carecía de familiares ou achegados que puidesen facerse cargo do seu can, polo que os axentes procederon a custodiar ao animal e trasladalo provisionalmente a dependencias policiais, desde onde foi entregado ao servizo de recollida de animais. Esta actuación garantiu a protección e atención do animal durante a hospitalización da súa propietaria.
Intervención urxente en domicilio por posible indisposición médica
Os axentes acudiron a un domicilio tras o aviso de familiares preocupados pola falta de resposta dunha muller que se atopaba no interior e non abría a porta. En coordinación con bombeiros e servizos sanitarios, procedeuse ao acceso da vivenda, localizando á persoa afectada no chan, con síntomas de gravidade. A rápida intervención permitiu a súa estabilización e traslado urxente ao hospital salvando a súa vida e deixando custodiado o seu domicilio por parte dun familiar.
Auxilio a muller con intoxicación etílica
Durante a noite da fin de semana, a Policía Local foi requirida nun establecemento de lecer da cidade para colaborar na atención a unha muller que presentaba claros signos de intoxicación etílica. Unha vez no lugar, os axentes prestaron apoio inmediato ao persoal sanitario do 061, e unha axente acompañounos no traslado ata o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), a pedimento dos técnicos, co fin de garantir un desprazamento seguro.
Este tipo de intervencións, lamentablemente frecuentes as fins de semana, reflicten unha problemática crecente vinculada ao consumo excesivo de alcol e moi crecente entre a nosa mocidade. A Policía Local lembra a importancia dun consumo responsable, especialmente durante as fins de semana e en ambientes festivos, onde o exceso pode derivar en situacións de risco tanto para a saúde como para a seguridade.
Desde a Xefatura insístese en que estes servizos non só mobilizan recursos de emerxencia, senón que ademais expoñen ás persoas afectadas a situacións de especial vulnerabilidade. Por iso, continuarase reforzando a presenza preventiva en zonas de lecer e faise un chamamento á concienciación individual e colectiva.
Atención humanitaria a unha moza desorientada na vía pública
Axentes da Policía Local de Lugo interviñeron nunha delicada situación na vía pública, ao detectar a presenza dunha moza en estado de desorientación. A muller, visiblemente afectada e coa mirada perdida, atopábase soa e apenas vestida cunha camiseta lixeira, a pesar das baixas temperaturas.
Ante as respostas incoherentes e a imposibilidade de manter unha conversación fluída, os axentes decidiron acompañala ao albergue municipal, onde a moza tiña algunhas pertenzas, permitíndolle recoller roupa de abrigo. Posteriormente, e dado o seu estado de confusión e vulnerabilidade, os funcionarios solicitaron a presenza do 061, cuxos servizos sanitarios valoraron a necesidade de trasladala ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) para unha atención especializada.
A Policía Local solicitou que se traslade esta actuación aos servizos sociais correspondentes, por se fose necesario activar protocolos de protección ou asistencia, dada a posible situación de desamparo da muller.

