
Venda ambulante sen autorización
Durante a tarde do domingo, un dos indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio que conformaba o dispositivo organizado no recinto feiral e as súas zonas de influencia detectou a presenza dun individuo que, ocupando un dos bancos da rúa Bispo Aguirre e parte do pavimento, expoñía varios artigos infantís para a súa venda, carecendo da oportuna licenza municipal, motivo polo cal os axentes levantaron acta por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por ocupación de vía pública para a venda ambulante sen autorización.
Auxilio a cidadáns
Ás 10’45 horas do luns, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio que realizaba patrulla preventiva pola avenida de Ramón Ferreiro, é requirida por un viandante, que lles informa da presenza dunha parella que presentaba un comportamento anormal, gesticulando de forma esaxerada. Os axentes localizan á parella e contactan con ambos por separado. O home di non desexar estar máis coa muller, a quen fai responsable de todos os seus problemas. A muller ofrece un relato confuso. O home aumenta o seu estado de ansiedade, polo que se convida á muller a que abandone o lugar, requirindo unha ambulancia para a atención do home, que presenta prantos e tremores. Os servizos sanitarios prestan unha primeira asistencia e logo determinan o traslado ao HULA.
Durante a tarde do domingo, o Servizo 061 solicita colaboración para a atención dunha persoa alterada e agresiva no seu domicilio. Cando se presenta a ambulancia, a muller accede voluntariamente ao seu traslado para unha valoración psiquiátrica, que se produce con acompañamento policial.
Ás 2’50 horas do martes, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno é comisionado nun domicilio do Sagardo Corazón, onde un veciño informa sobre unha forte discusión entre unha parella. Unha vez no lugar, os axentes entrevístanse cos membros da parella por separado, así como con testemuñas presentes, concluíndo que se tratou dunha simple discusión, sen ningún tipo de violencia, polo que os axentes abandonan o lugar.

