Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados da fin de semana do 10 ao 12 de setembro

Luns, 13 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Control normas COVID

Durante a fin de semana, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, estableceron dispositivos para comprobar o cumprimento da normativa COVID, levantándose 13 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, a maioría por reunións de non conviventes entre as 3:00 e as 6:00 horas e por non facer uso da máscara de protección.

Tamén se levantaron 6 actas de denuncia por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá por falta de respecto e consideración aos axentes da autoridade, propoñéndose sanción de ata 600 euros. Nos dispositivos realizados denunciáronse a 5 mozos por ouriñar na vía pública e contra a Catedral, levantándose actas de denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia.

Sobre as 4:20 horas do día 11 de setembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta que un local de hostalería situado na Rúa Nova atopábase aberto, cando debería de pechar ás 1:00 horas, comprobando que no seu interior achábanse 6 persoas consumindo, procedendo á identificación de todas elas, levantando os axentes actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia.

Así mesmo o titular do establecemento foi identificado e denunciado por quebrantar o horario de peche e por servir bebidas aos clientes fóra do horario de apertura, levantándose acta tamén por non presentar a licenza de apertura do local.

Detención por danos nun vehículo

Sobre as 22:20 horas do día 11 de setembro, un axente da Policía Local de Lugo, fóra de servizo, que se achaba na Praza de Avilés, observa a un mozo que falaba en ton elevado por teléfono, no que parecía ser unha discusión con alguén, e sorprendentemente dá un forte golpe cunha das súas mans na lúa traseira dun vehículo, procedendo á súa fractura e comezando a sangrar pola man. Que o policía local, fóra de servizo, procede a seguilo, observando como vai dando golpes de menor entidade a outros vehículos estacionados, dando aviso á Sala do 092 que traslada ao lugar unha patrulla uniformada que procede á identificación e auxilio pola ferida que presenta, instruíndose dilixencias para o Xulgado de Garda.

Accidente de circulación e delito contra a seguridade viaria

Na madrugada do 10 ao 11 de setembro, o equipo de Atestados da Policía Local de Lugo interveu nunha accidente de circulación ocorrido na Rolda das Fontiñas, resultando implicados tres vehículos, sendo sometidos ás probas de detección alcohólica os seus condutores e instruíndose atestado contra un deles por NEGARSE a someterse ás probas de detección alcohólica, sendo citado para Xuízo Rápido. Este condutor enfróntase a unha pena de prisión de seis meses a un ano e privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.

Así mesmo na tarde dese mesmo día produciuse un accidente de circulación na confluencia das rúas Tino Grandío e Yáñez Rebolo no que se viron implicados dous vehículos, con resultado de danos materiais, encaixándose un deles contra a fachada dun baixo comercial. (foto)

Intervención por ruídos orixinados por un local de hostalería

Sobre as 23:00 horas do día 10 de setembro, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un local de hostalería da Avenida da Coruña, xa que os veciños queixábanse dos ruídos que proviñan do establecemento que lles imposibilitaba o descanso. Os axentes comproban que no exterior do bar hai un altofalante polo cal se anima aos alí presentes a participar no denominado “xogo da ra”, que ocupaba a beirarrúa reservada a terraza, non constando autorización algunha e non presentando a titular licenza do establecemento, polo que se levanta acta de denuncia por infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas. (fotografías)

Filtros de seguridade viaria

Durante as noites da fin de semana establecéronse diferentes filtros de seguridade viaria, especialmente na zona do polígono industrial de As Gándaras onde se levou a cabo unha KDD de vehículos, co emprego de vehículos rotulados e camuflados, detectando un condutor cunha taxa de alcol de 0,65 mg/l, abríndose expediente sancionador con 1.000 euros de multa e a perda de 6 puntos do permiso de condución. Así mesmo abríronse expedientes sancionadores a outros 3 condutores por condución neglixente, circular sen iluminación e por circular a “escape libre”. Tamén se instruíron dilixencias por delitos contra a seguridade viaria ao condutor dun vehículo que foi sorprendido circulando pola Calzada das Gándaras cunha taxa de alcol de 0,78 mg/l e a outro condutor que foi detectado nun control situado na rúa San Roque, NEGÁNDOSE a someterse ás probas de alcoholemia e drogas.

Por outro parte realizouse proposta para recoñecemento médico a un condutor por perda das condicións psicofísicas con risco para a seguridade persoal e a dos demais usuarios da vía.

Multimedia

  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo
  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo
  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo
  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas