Benestar dá continuidade ao labor realizado polo tecido social cunha nova convocatoria para ceder o uso das Casas das Asociacións

O BOP publicou xa as bases cos requisitos para optar á utilización dunha vintena de locais e de diferentes salas de reunión.

As entidades interesadas teñen 15 días, dende o luns, para presentar as solicitudes e a duración da adxudicación será por un ano, prorrogable até un total de 5.

Para o outorgamento dos espazos terase en conta o arraigo e traxectoria do colectivo no municipio, a súa representatividade e a incidencia na poboación.

“O obxectivo é favorecer a continuidade da atención asistencial que presta a iniciativa social tecendo, entre todos e todas, unha rede de apoio integral á cidadanía”, destacou Olga López.

Domingo, 13 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar dá continuidade ao labor realizado polo tecido social cunha nova convocatoria para ceder o uso das Casas das Asociacións

O Concello de Lugo abrirá este luns o prazo de solicitude para a autorización do uso en precario das instalacións das dúas Casas das Asociacións. Un procedemento co que o Executivo de Lara Méndez, dende a área de Benestar, que dirixe Olga López Racamonde, quere dar continuidade ao labor que vén realizando o tecido social na cidade.

“A nosa vontade é brindar todo o apoio e colaboración posible ás entidades sen ánimo de lucro que actúan no noso municipio para que poidan seguir realizando o seu traballo.  E precisamente, unha das maiores dificultades coas que se atopan é coa procura dun emprazamento no que poidan establecerse e desenvolver os seus programas e actividades”, sinalou a concelleira.

Así, estes colectivos poderán optar a manter ou a dispoñer da súa sede tanto na Casa Clara Campoamor – que dispón de 7 locais, un ximnasio e unha sala destinada a biblioteca de uso común – como na Casa María Mariño – que conta con 13 locais, un salón de actos, unha sala de usos múltiples e unha sala de recepción.

López Racamonde explicou que “as asociacións interesadas en participar na convocatoria, ademais de estar domiciliadas no Concello de Lugo e figurar inscritas no Rexistro Municipal cunha antigüidade de 4 anos, deberán ter un obxecto social coincidente co que perseguimos dende os Servizos Sociais Municipais, de xeito que complementen ou contribúan á consecución das funcións que lle son propias. Esto inclúe a prestación de atencións que posibiliten a mellora da calidade de vida e a participación de persoas ou grupos que sofren algún tipo de carencia, marxinación ou desatención selectiva así como a prevención e eliminación das causas que a orixinan”.

Quedarán, por tanto, excluídas as entidades de carácter veciñal, cultural, educativas, deportivas, de ocio e tempo libre, xuvenil ou entidades con fins profesionais ou de actividades económicas ou doutro tipo que non sexa social.

“Para o seu outorgamento – abondou a edil - o Concello terá en conta o arraigo e traxectoria da entidade no municipio, a súa representatividade e a súa incidencia na colectividade e sobre as persoas en risco de exclusión social”.

Olga López indicou, alén, que a duración da cesión será por un exercicio, prorrogable, por períodos anuais, até un total de cinco e que as solicitudes poderán presentarse nun prazo de 15 días a partir do vindeiro luns, 14 de xaneiro, logo de que o pasado venres saíra publicada no BOP a convocatoria, na que tamén figuran as normas de uso das dependencias e dos espazos comúns que comparten, entre eles, o ximnasio recentemente habilitado na Casa Clara Campoamor onde se modernizaron os equipamentos a disposición das e dos usuarios.

“Dende o Concello somos conscientes da valiosísima función da iniciativa social asentada no municipio, que exerce un cometido indispensable completando as presentacións públicas existentes en diferentes eidos, por iso queremos seguir tendéndolles a man para tecer, entre todos e todas, unha rede de apoio integral, ben coordinada, que redunde no conxunto da veciñanza”, subliñou responsable de Benestar.

Audio

  • A edil de Benestar, Olga López Racamonde, sobre a cesión gratuíta das Casas das Asociacións | Descargar mp3

Multimedia

  • Benestar dá continuidade ao labor realizado polo tecido social cunha nova convocatoria para ceder o uso das Casas das Asociacións

Noticias relacionadas