Asinado o convenio entre Concello, Fundación Amancio Ortega e Consorcio de Igualdade para dotar a Lugo dunha nova escola infantil

Lara Méndez, Óscar Ortega e José Manuel Rey asinaron este vernes dito convenio.  As novas instalacións estarán ubicadas na zona das Termas e darán servizo a 82 nenos e nenas de 0 a 3 anos

O prazo máximo para o inicio da obra, unha vez posto o terreo a disposición da FAO, é de seis meses dende a obtención dos permisos necesarias, non podendo transcorrer máis de doce meses dende a data de inicio ata a súa finalización

Venres, 21 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Asinado o convenio entre Concello, Fundación Amancio Ortega e Consorcio de Igualdade para dotar a Lugo dunha nova escola infantil

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o director xeral da Fundación Amancio Ortega (FAO), Óscar Ortega, e o Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, asinaron este venres, na sede da FAO, un convenio de colaboración que posibilitará a construción dunha nova escola infantil no municipio. As novas instalacións, cuxa edificación e equipamento suporá unha inversión dun millón e medio por parte da FAO, darán servizo a 82 nenos e nenas de 0 a 3 anos e estará dividida en seis aulas, dúas por cada franxa de idade, e de espazos comúns, con patio propio e comedor, entre outros.

A nova escola infantil de Lugo estará ubicada na avenida Paulo Fabio Máximo, sobre unha parcela de titularidade municipal, cedida para este fin polo Concello ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Os terreos pasarán a integrarse neste ente autonómico, a Fundación Amancio Ortega ocuparase da redacción do proxecto, a construcción das instalacións e o equipamento e dotación inicial de mobiliario e material didáctico, e o Consorcio da súa posta en funcionamento e xestión, formando parte da rede pública de centros da entidade.

Trátase duns terreos de 3.800 metros cadrados, dunha parcela de 6.032m2, cualificada como Equipamento Comunitario no PXOM. Dito terreo contará cun fronte de 76 metros que dá a unha rúa de nova apertura, paralela á Avenida Paulo Fabio Máximo, e un fondo de 50 metros. A cesión dos terreos farase por mutación demanial subxectiva, que terá unha duración de 25 anos prorrogables outros 25 máis. Unha vez transcorrido o prazo previsto para a mutación demanial do terreo a favor do Consorcio, producirase a reversión gratuíta de todo o construído no mesmo, debendo manterse o uso do inmoble, cando menos por un período de 50 anos

Segundo dito convenio, o prazo máximo para o inicio da obra de construción, unha vez posto o terreo a disposición da FAO, é de seis meses dende a obtención dos permisos ou licenzas necesarias para elo, non podendo transcorrer máis de doce meses dende a data de inicio ata a súa finalización. Para o seguimento e avaliación do convenio crearase unha comisión mixta que estará integrada por un representante do Consorcio, dous da FAO e un do Concello, e que se reunirá cando así o solicite algunha das partes e, cando menos, cunha periodicidade semestral.

Noticias relacionadas