Arrancan as obras de 750.000 euros para dotar ao Paseo do Río Rato dun novo sistema de iluminación

Lara Méndez e Darío Campos supervisaron este luns o inicio das actuacións incluídas no proxecto de Concello e Deputación, que teñen un prazo de execución dun ano

Instalaranse un total de 252 farolas con 283 luminarias LED, nun treito de 7 quilómetros. Incrementarase a seguridade na estrada con 1.500 metros de biondas

Un sistema informático permitirá controlar os puntos de luz e regular a súa intensidade para aforrar custos e adaptalos ás condicións climatolóxicas

Luns, 18 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arrancan as obras de 750.000 euros para dotar ao Paseo do Río Rato dun novo sistema de iluminación

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, supervisaron este luns o inicio das obras para dotar de novo alumeado público ao paseo do Río Rato e á estrada LU-P-2925, que teñen un prazo máximo de execución de 12 meses. Estas actuacións, que contan cun orzamento de 750.000 euros, lévanse a cabo nun treito de 7 quilómetros, concretamente entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón.

Lara Méndez enxalzou “a sensibilidade da Deputación coas melloras na cidade de Lugo, no só no Paseo do Rato, senón tamén no desdobramento da Avenida da Duquesa de Lugo, ou co Plan Único, co que melloramos os servizos públicos que ofrecemos aos veciños de Lugo”.

Así mesmo, a Alcaldesa lembrou que “este proxecto obedece ao modelo que defende o Goberno Municipal, de recuperar o uso das zonas verdes, a facer unha cidade máis amable e máis cordial, e de mellorar a seguridade nesta zona que viu incrementado o número de usuarios desta vía ao non ter a ronda leste que levamos demandado durante tanto tempo”. 

Pola súa banda, Darío Campos destacou que “con estes novos traballos, damos resposta a unha das peticións dos lucenses dende fai moito tempo, garantindo máis visibilidade e seguridade para todos os veciños que empregan este espazo público a diario para facer deporte, pasear ou calquera outro tipo de actividade, durante as horas de menos luz solar, ao tempo que poñemos en valor o cinturón verde da capital lucense, duns 10 quilómetros, á beira do Rato e do Miño”.

“En total dotaremos ao paseo do Río Rato de 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos, dos que 103 se situarán na estrada e 144 no paseo. Tamén se instalará un sistema informático que permitirá controlar cada un dos 283 puntos de luz, así como regular a súa intensidade lumínica co fin de aforrar custos ao poder adaptala ás condicións climatolóxicas. A súa intensidade oscilará entre os 179 e os 12,5 vatios, tendo en conta a súa ubicación, para respectar o medio ambiente de toda esta zona” informou o Presidente da Deputación.

283 luminarias ecolóxicas

Para a colocación dos puntos de luz, instalaranse 252 farolas de cor neutra para reducir o impacto ambiental, e a unha distancia entre as mesmas de 25 metros no paseo e de 30 na estrada. As farolas do paseo teñen 1 punto de luz e as da estrada 2, coas que se iluminará a zona verde e a propia vía. Ademais dos traballos de iluminación, incrementarase a seguridade na LU-P-2925, situando 1.500 metros de biondas e instalaranse outros 3 proxectores no túnel que hai debaixo da rotonda do parque.

Para poder realizar o conxunto destas obras, será necesario situar 20.000 metros de cables, que serán de aluminio, e non de cobre, para evitar posibles roubos ou actos vandálicos.

Noticias relacionadas