A área de Xuventude organiza un ‘arrepiante’ Samaín 2021 para que a mocidade lucense poida gozar da noite máis máxica do outono

O concelleiro Mauricio Repetto presentou hoxe as actividades programadas, dentro das que destaca un Scape Room e un desfile de ánimas polo adarve da Muralla.

Mércores, 27 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Xuventude organiza un ‘arrepiante’ Samaín 2021 para que a mocidade lucense poida gozar da noite máis máxica do outono

Na noite do 31 de outubro despídese o verán para dar paso ao inverno. Unha porta que as ánimas dos defuntos aproveitaban para regresar ao mundo dos vivos e visitar ás súas familias. Precisamente, un Desfile de Ánimas porá o broche á programación do Samaín 2021 que esta mañá presentaba o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, co obxectivo de dinamizar a data máis sinalada do outono galego.

O concelleiro deu a coñecer hoxe as propostas organizadas polo Goberno de Lara Méndez para os próximos días. “Unha axenda ‘arrepiantemente entretida’ que, debido ao éxito de edicións pasadas, volverá incluír un Scape Room pero que tamén contará con outras moitas novidades”, avanzou.

“Todas as actividades ofertadas no programa deste ano serán gratuítas para que a rapazada lucense poida gozar dunha celebración máxica, socializando e divertíndose nuns espazos seguros”, indicou o responsable de área.

Así, a programación para este Samaín 2021 comezará o xoves, 28 de outubro, ás 18.00 horas cun Show Cooking sobre Postres Terroríficos, no que o chef lucense, Álvaro Villasante, responsable do restaurante Paprika, realizará unha demostración culinaria na Casa da Xuventude empregando produtos típicos do outono aos que dará formas ‘aterradoras’ ao tempo que saborosas.

Tamén dende o xoves e até o mesmo domingo, as instalacións municipais de San Finz acollerán o Scape Room "XCAPATE" que inclúe 25 retos a resolver para liberarse da "maldición da Santa Compaña". As persoas participantes deberán superar unha serie de xogos para saír, no tempo máximo dunha hora, dunha Casa da Xuventude encantada.

“Un moneco diabólico interactuará con eles dende o principio mentres deben realizar probas físicas, dixitais e domóticas con trampas que os asustarán e que, de non solucionalas, desembocarán na chegada da Santa Compaña que tentará secuestralos”, detallou Repetto Morban.

Para o axeitado desenvolvemento desta actividade, indicada para maiores de 18 anos, establecéronse grupos de seis integrantes coa finalidade de cumprir cos protocolos contra a Covid-19, dentro dos que se inclúe a desinfección da sala tras cada pase. Haberá catro sesións:

  • Sesión 28 de outubro: de 18.00 a 21.00 horas.
  • Sesión 29 de outubro: de 16.00 a 21.00 horas.
  • Sesión 30 de outubro:: de 10.00 a 13.30 y de 17.00 a 21.00 horas.
  • Sesión 31 de outubro: de 10.00 a 13.30 y de 17.00 a 21.00 horas.

E finalmente, para o sábado día 30, a área de Xuventude organizará un Samaín na Rúa. Quiroga Ballesteros será, dende as 17.30 e até as 21.30 horas, o escenario elexido para un concurso de tallado, baleirado e decorado de cabazas, xogos típicos de Samaín como carreiras de cabazas ou bonecos, tres en raia, tiro da corda, etc.

“Unha intensa xornada que concluirá cun Desfile de Ánimas, no que colaboran as asociacións de recreación histórica Clan de Breogán, Trebas Galaicas, Mercenarios Galaicos e Lugdunum, percorrendo parte do Casco Histórico e da Muralla para, a continuación, rematar co conxuro purificador do Druída. Será o punto e final a este Samaín de 2021 no que, dende a área de Xuventude, convidamos a participar e, sobre todo a gozar, non só aos máis cativos senón tamén a toda a cidadanía lucense”, concluíu o concelleiro.

Todas as inscricións poden facerse a través do seguinte enderezo de correo electrónico: http://formulario.xuventudelugo.gal/.

Audio

  • O concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, sobre as actividades do Samaín 2021 | Descargar mp3

Noticias relacionadas