A área de Urbanismo autoriza á Xunta a realización das obras de restauración do cubo XXXI da Muralla

A intervención, que terá un custo de 101.778 euros e un prazo de execución de 18 meses, estará sometida a permanente control arqueolóxico

 
Luns, 11 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A área de Urbanismo trasladará este mércores á Xunta de Goberno a aprobación dunha licenza urbanística para restaurar o cubo XXXI da Muralla.

“As obras, indicou Miguel Couto, proxéctanse en solo urbano, dentro do Planeamento incorporado da URPI – 1.R. do Pepri polo que a efectividade da licenza concedida quedará supeditada ao cumprimento de determinados requirimentos encamiñados a garantir a adecuada protección do patrimonio local”.

O edil responsable referiu que, durante a execución dos traballos manterase a coordinación necesaria cos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural ante calquera incidencia que poida supoñer unha modificación do proxecto agora autorizado. Ademais, a adxudicataria das obras, antes do seu comezo, deberá remitir un escrito do arqueólogo que contrate, asumindo o contido do devandito proxecto.

“Así mesmo, unha vez rematada a intervención – abondou o concelleiro - a Dirección Facultativa realizará unha memoria na que figure, polo menos, a descrición pormenorizada da actuación executada e dos tratamentos aplicados, así como a documentación gráfica do proceso. Trátase, en definitiva, de manter unha colaboración constante entre ámbalas dúas administracións así como unha supervisión rigorosa dos procedimentos empregados coa fin de garantir que se axustan ao marco normativo vixente tanto en materia urbanística como no que garda relación coa salvagarda de elementos catalogados e bens de interese cultural, como é o caso”, concluíu Miguel Couto.

A rehabilitación terá un prazo máximo de execución de 18 meses e un custo de 101.778’65 euros.

Noticias relacionadas